A Xunta conta con axudas de até 24.000 euros para iniciativas de emprego de base tecnolóxica

xoves, 9 de agosto do 2018 Redacción

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou onte na Cidade da Cultura a empresa Emérita Legal, que se empraza no Centro de Emprendemento do Gaiás, onde coñeceu a actividade que desenvolve a compañía baseada nun comparador cualitativo de avogados con datos obxectivos de casos reais a través dunha plataforma tecnolóxica.
Toca destacou a importancia de apoiar en Galicia o talento e, deste xeito, recordou que a Xunta ten en marcha neste ámbito diversos mecanismos como o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro. De feito, a empresa Emérita Legal foi beneficiaria este ano destes apoios cos que se pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías.
Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concédense axudas á creación directa de emprego estable (entre 6.000 e 10.000 euros en función da idade e da titulación); para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (cun límite máximo de 18.000 euros); e para a posta en marcha do proxecto empresarial, onde os apoios oscilan entre os 10.000 e 24.000 euros, en función dos empregos estables e financiados durante o primeiro ano de actividade.
No caso das axudas á creación directa de emprego estable, os apoios poden aumentar nun 25% no caso de ser muller, pertencer a un concello emprazado no rural, ser maior de 45 anos ou ser emigrante retornado.
Esta actuación, segundo explicou Toca, está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías. Trátase, en definitiva, con estas axudas de consolidar a recuperación económica en Galicia.

PUBLICIDADE