A Xunta convoca axudas para dixitalizar as escolas infantís de entidades sociais

mércores, 11 de xullo do 2018 Redacción

As escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades sociais van ter recursos de apoio para modernizarse e dixitalizarse. Así o vén de informar o Gobern galego e así se especifica no DOG de hoxe, onde se fan públicas axudas para obras menores de adecuación e mellora nos centros, así como para a compara de equipamento e integración das novas tecnoloxías nas aulas. O prazo para solicitar as subvencións ábrese este 12 de xullo e fica aberto até o 11 de agosto. Achégase un crédito total de 600.000 euros, co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A iniciativa, integrada no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), estipula como subvencionábel (entre outras melloras e engadidos) a dotación de conexión a Internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.
No DOG faise saber que se financiará até o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula. Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude.

PUBLICIDADE