AMTEGA convoca máis de mil prazas para facerse coa certificación en competencias dixitais nivel iniciación

mércores, 10 de setembro do 2025 S. P.

Este 10 de setembro a Xunta publicou a convocatoria de 1.342 prazas de carácter libre para obter a Certificación galega en competencias dixitais no nivel Iniciación (ComDix Iniciación) a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Engadir que as inscricións poden realizarse desde mañá (11 de setembro) e ata o vindeiro 24 de setembro, incluído, a través da Rede CeMIT. A dita convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes precisas para empregar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional. As probas realizaranse os días 29, 30 e 31 de outubro. Os lugares, datas e horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT, na que figura o calendario das probas presenciais nas aulas CeMIT de 41 concellos de Galicia.
Despois do prazo de inscrición, e logo da publicación da listaxe definitiva no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude das persoas participantes que figuren nesas listaxes de espera.
Asemade, na plataforma de teleformación da rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abranguen as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais. Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.