A Xunta convoca os Premios do Comercio Galego 2025
martes, 26 de agosto do 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presentou este martes 26 de agosto os detalles dos Premios do Comercio Galego 2025, un certame que recoñece os profesionais do sector e o seu pulo transformador-innovador. Fíxoo en Pontevedra, no transcurso dunha visita a cinco negocios beneficiarios das axudas para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, dotadas este ano con case 4 millóns de euros.
En concreto, o director xeral estivo en Juncal Alimentación, na xoiería Oliva Ouro, na xeadería Stromboli e nas carnizarías JM Gourmet e Macario Carniceiros. Todos eles forman parte dos 664 comercios de proximidade e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que poderán impulsar a súa dixitalización, innovación e sustentabilidade grazas ao apoio da Xunta.
Estas tres liñas da convocatoria (compatibles entre si) enmárcanse, segundo destacou Alén, “no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co afán de apoiar o sector na adaptación ás tendencias de consumo coa introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente e mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos”. Tamén buscan avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia, engadiu.
Alén lembrou que entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector —o primeiro dos eixes do Plan estratéxico— o documento contempla accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda en si mesmas ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.
O director xeral destacou ademais que o DOG publica este 26 de agosto a convocatoria e as bases reguladoras dos Premios do Comercio Galego 2025. O obxectivo destes galardóns é “recoñecer o labor dos profesionais do sector comercial e contribuír á súa difusión como panca para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas”.
Os establecementos interesados en optar aos premios poderán presentar as súas candidaturas desde mañá e ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.
A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por “un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio”, sinalou.
