A Xunta crea unha tarxeta con certificado electrónico para os traballadores da sanidade pública

luns, 30 de marzo do 2026 S. P.

A Consellería de Sanidade habilitou a acreditación dixital do persoal que intervén nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema público de saúde, que suma máis de 48.000 profesionais. As tarxetas permitirán, como mínimo, identificar e acreditar á persoa titular como persoal ao servizo da sanidade pública e como empregado público.
Ademais posibilitarán o acceso a sistemas de información e, no seu caso, a áreas restrinxidas como laboratorios ou armarios automatizados, cando así se autorice.
A tarxeta profesional cumprirá a normativa europea en materia de identificación electrónica e disporá de chip con tecnoloxía sen contacto e banda magnética, de cor azul corporativo Xunta. Incluirá no anverso fotografía da persoa titular da tarxeta, ademais de nome e apelidos, DNI e o seu código numérico profesional.
Trala entrada en vigor da orde publicada este luns 30 de marzo no Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Sanidade procederá á contratación do servizo de expedición das tarxetas cos requirimentos técnicos necesarios.
A Consellería informou que “está previsto comezar unha renovación progresiva a partir do último trimestre do ano”. Ademais, ao persoal de nova incorporación tamén se lles facilitará a partir dese momento estas novas tarxetas identificativas.