A Xunta decántase pola Coruña como sede ideal para acoller a AESIA

luns, 24 de outubro do 2022 S. P.

A Xunta formalizou a súa postura sobre cal sería a candidatura ideal, baixo o seu punto de vista, respecto da cidade galega que debera ser sede da AESIA (Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial). Segundo fixo saber o Goberno galego, A Coruña é a favorita para acoller o dito organismo, por enriba de Santiago e Ourense.
Así o avanzou ante os medios o director da axencia AMTEGA, Julián Cerviño, trala xuntanza do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GalicIA) celebrada este luns, reunión na que participaron representantes da Xunta, das universidades galegas (USC, UDC e UVigo) e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Na sesión de traballo os participantes avaliaron máis de 200 indicadores sobre as diferentes candidaturas expostas para achegar finalmente cal sería a proposta a máis axeitada para dar acollida á dita axencia: A Coruña.
Por certo que a Cámara de Comercio local emitiu os días pasados un comunicado no que enumera os seguintes puntos a favor da cidade herculina:
-A nivel empresarial, na cidade e a súa área de influencia existe en pleno desenvolvemento, e en crecemento, un importante ecosistema empresarial TIC, que aglutina a máis dun centenar de empresas e dá emprego a catro mil tecnólogos, xerando o 60% do VAB do sector en Galicia.
-A nivel investigador conta coa presenza da Universidade da Coruña, que ten a Facultade de Informática máis antiga de Galicia, cun grao específico en Intelixencia Artificial, o CITIC (Centro Tecnolóxico das Tecnoloxías da Información e Comunicación), único centro galego coa distinción de Centro Singular de Investigación, e algúns dos grupos de investigación máis punteiros de España en materia de Intelixencia Artificial, presidindo unha catedrática desta universidade a Asociación Española de Intelixencia artificial.
-A nivel de infraestruturas está a poñerse en marcha a Cidade das TIC, complexo de investigación e emprendemento que aglutinará unha parte importante do conglomerado tecnolóxico da área e con capacidade para albergar a sede da Axencia.
-A nivel social existe un total consenso entre as forzas políticas, empresariais, educativas e a sociedade civil para reclamar e apoiar que A Coruña sexa a sede desta Axencia.

PUBLICIDADE