A Xunta declara proxecto estratéxico o novo CESGA

luns, 27 de outubro do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia declarou hoxe o novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) como primeiro proxecto estratéxico de investigación pública da Comunidade, o que permitirá axilizar e simplificar ao máximo os trámites administrativos para que estea operativo no verán de 2026. Cun investimento global de 56 millóns de euros, o complexo contará con equipamentos de vangarda que se verán reforzados coa instalación da Fábrica de Intelixencia Artificial 1HealthAI, dotada con 82 millóns de euros.
Esta nova figura administrativa, creada polo propio Goberno galego, garante a tramitación preferente e urxente do proxecto, a súa prevalencia sobre o planeamento urbanístico, a exención de licenza municipal e a coordinación entre administracións. A súa aprobación segue á exposición pública, resolta sen alegacións e cos informes favorables necesarios, polo que a execución técnica e administrativa das obras poderá iniciarse de inmediato.
A actuación reforza o liderado de Galicia en supercomputación, tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial, consolidando a súa posición entre as rexións máis innovadoras de Europa e favorecendo a cooperación entre o ámbito investigador e o tecido empresarial. Ademais, a nova Fábrica 1HealthAI, centrada na saúde humana, animal e ambiental, situará Galicia na elite da investigación europea en IA e biotecnoloxía, favorecendo a captación de novos investimentos e o impulso da innovación.
A construción do novo edificio, situado no polígono da Sionlla en Santiago de Compostela, comezará nos vindeiros días cun investimento de 13 millóns de euros. Erixirase nunha parcela de máis de 9.100 metros cadrados, dos que 2.700 corresponderán ao edificio principal e 3.250 aos espazos exteriores. O centro albergará o supercomputador Finisterrae IV, un novo sistema de almacenamento e un computador cuántico cun investimento de 34 millóns de euros. Estes equipamentos multiplicarán a capacidade de cálculo e a xestión de datos do CESGA, complementando a actual sede universitaria e consolidando o seu papel como infraestrutura científica de referencia en Europa.