A Xunta defende a importancia de lexislar o uso da IA na administración

mércores, 1 de outubro do 2025 Redacción

O director da AMTEGA, Julián Cerviño, durante a súa participación no Foro AICS sobre Intelixencia Artificial e Ciberseguridade organizado pola Rexión de Murcia, que reúne máis de trinta expertos e representantes institucionais, defendeu a estratexia da Xunta para incorporar a intelixencia artificial no sector público mediante unha lei que complemente o Regulamento europeo e que teña en conta os riscos específicos deste ámbito.
O responsable da Axencia galega advertiu contra a idea de que a normativa sobre IA poida supor un freo ao seu desenvolvemento, sempre que se adopten regras que teñan presentes as necesidades de innovación orientadas ás persoas e ao benestar social.
O encontro, que se celebra en dúas xornadas, foi inaugurado esta mañá polo conselleiro de Economía, Facenda, Fondos Europeos e Transformación Dixital da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Luis Alberto Marín.
Na primeira mesa, o representante galego compartiu debate co director xerente da Axencia de Transformación Dixital de Castela-A Mancha, Juan Ángel Morejudo, e coa conselleira delegada da Axencia para a Administración Dixital da Comunidade de Madrid, Elena Liria. A sesión foi moderada polo director xeral de Transformación Dixital da Rexión de Murcia, Javier Martínez.
Xa pola tarde, Cerviño intervirá nunha mesa dedicada a A IA e o Dereito, acompañado pola responsable da Área de Dereito Dixital de KPMG Abogados, Noemí Brito, e polo presidente da Sección TIC do Colexio de Avogados de Murcia, Samuel Parra.