A Xunta desenvolverá un sistema para testar tecnoloxías emerxentes antes do seu uso nos centros educativos

xoves, 22 de xaneiro do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe en Londres que a Xunta de Galicia porá en marcha un sistema autonómico para testar as tecnoloxías emerxentes antes de seren empregadas nos centros educativos, co obxectivo de avanzar na creación de contornas dixitais seguras nos colexios e institutos. Fíxoo con motivo da súa participación na feira Bett, o principal encontro europeo sobre innovación educativa, que reúne miles de profesionais do ensino, responsables de políticas públicas e empresas tecnolóxicas de todo o mundo.
O titular de Educación cualificou de “moi positiva e proveitosa” a presenza, por primeira vez, dunha delegación galega nesta cita internacional, xa que permite un contacto directo coas principais novidades globais en ferramentas e recursos tecnolóxicos aplicados á educación. Neste sentido, destacou que Galicia está a ser pioneira en iniciativas como a nova Lei de educación dixital, a recente aprobación do Plan de benestar dixital ou o proxecto EdugalIA, orientado a aplicar a intelixencia artificial no sistema educativo para reducir o abandono escolar, entre outros fins. A visita á feira tamén serviu para coñecer experiencias e solucións tecnolóxicas centradas na inclusión, a creatividade e a mellora da aprendizaxe.
No marco do Plan de benestar dixital, Román Rodríguez subliñou a importancia de implicar á industria dixital nunha acción coordinada entre administracións, universidades, centros de investigación e empresas TIC, co fin de promover o benestar dixital da infancia e da mocidade. Neste contexto insírese a creación dun sistema autonómico de análise das tecnoloxías emerxentes que poden empregarse nos centros educativos, que se sumará a outras actuacións como a participación do sector en proxectos de innovación aplicada ou a elaboración dun Código galego de boas prácticas tecnodidácticas.
Segundo explicou o conselleiro, este novo sistema permitirá examinar previamente as tecnoloxías emerxentes para diagnosticar os seus efectos e a súa repercusión no ámbito educativo. Trátase de analizalas, ensaialas e probalas antes da súa implantación xeneralizada, coa finalidade de apoiar o proceso educativo, tendo en conta que a tecnoloxía “non é un fin en si mesma, senón un medio para mellorar a aprendizaxe”.

Benestar emocional do profesorado

Román Rodríguez avanzou tamén que outra das liñas prioritarias do Plan de benestar dixital será o impulso do benestar emocional do profesorado. “É fundamental que os docentes, ademais de contar cos coñecementos necesarios, se sintan cómodos e seguros” nun contexto educativo cada vez máis marcado pola presenza das novas tecnoloxías na aula.
Neste sentido, crearase unha liña de asistencia ao profesorado no marco da futura Oficina de Apoio ao Profesorado. De maneira complementaria, e co obxectivo de optimizar o seu desempeño dixital, habilitarase tamén unha canle específica de apoio no Centro de Innovación Educativa e Dixital.

Novidades mundiais en innovación educativa

A feira Bett, á que o conselleiro asistiu acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polos responsables do Centro de Innovación Educativa Dixital, Jorge Regueiro, e do Centro Autonómico de Formación e Innovación, Eva López, reúne en Londres máis de 600 expositores e 400 poñentes de alto nivel, ademais dunha comunidade internacional de asistentes procedentes de máis de 130 países.
Este encontro conecta cada ano ás empresas e startups máis innovadoras con responsables de administracións educativas, institucións universitarias e centros escolares de Europa e Oriente Medio, consolidándose como un foro de referencia no ámbito da innovación educativa.