A Xunta destaca a dixitalización e a suma de talento como elementos clave para afrontar os retos futuros do naval galego

mércores, 26 de xuño do 2024 Redacción

Durante a súa intervención na clausura da Xornada de Ciberseguridade no Sector Naval, Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública, salientou que a dixitalización e a suma de talento como elementos clave para afrontar os retos futuros do naval galego, un sector estratéxico para Galicia, que dá emprego a máis de 14.000 persoas e representa o 3,5% do PIB, cunha facturación que rolda os 2.500 millóns de euros.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública afirmou que a Xunta seguirá apostando pola colaboración para avanzar na especialización tecnolóxica, adaptada ás necesidades específicas da Comunidade: á súa xeografía, á súa poboación e tamén aos seus sectores económicos estratéxicos. “O noso obxectivo é poñer a tecnoloxía ao servizo do benestar das persoas, da súa seguridade e da xeración de riqueza”, abundou.
Nesta liña, salientou que, no ámbito da ciberseguridade, esta aposta pola especialización e pola colaboración plásmase no Nodo Ciber.Gal, un espazo de intercambio de información e recursos que naceu en 2020 sobre as bases dos acordos que a Xunta xa tiña co Centro Criptolóxico Nacional e co Instituto Español de Ciberseguridade, e que hoxe conta con máis de medio centenar de institucións e grandes empresas, entre elas, as principais compañías de Galicia do téxtil, a alimentación ou as finanzas.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu lembrando que esta especialización en ciberseguridade culmina co Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, cuxa construción acaba de comezar en Ourense, onde se concentrarán servizos e recursos e contará con espazos a disposición das empresas.

PUBLICIDADE