A Xunta destaca a importancia de seguir avanzando na modernización da Administración

xoves, 20 de xullo do 2017 Redacción

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante un encontro en Vigo con membros da Confederación de Empresarios de Pontevedra a importancia de seguir traballando na modernización da Administración e sumando avances aos que xa se teñen realizado nos últimos anos, co obxectivo de prestar un servizo máis eficaz e eficiente á sociedade.
Rueda participou nun coloquio no que expuxo as principais liñas de actuación da Xunta en materia de modernización, realizando un repaso polas actuacións levadas a cabo nos últimos anos, comezando pola redución do tamaño da administración e dos seus entes paralelos, entre os que xa causaron baixa un total de 86 entidades, o que supón un aforro de máis de 80 millóns de euros cada ano.
Outro punto prioritario para ao Goberno galego é a modernización tecnolóxica para lograr unha administración aberta as 24 horas do día e todos os día do ano a través dos servizos dixitais. Actualmente, na sede electrónica da Xunta xa están dispoñibles o 95 por cento dos procedementos administrativos. Neste ámbito, tamén son destacables medidas como a Plataforma de contratación de Galicia ou a factura electrónica.
De cara ao futuro, seguirase traballando nestas liñas de actuación. Así, por exemplo, no que se refire ao plan de racionalización da administración paralela, o obxectivo é chegar á supresión de case 100 entes ao final do proceso. Tamén destaca o inicio da tramitación da futura Lei de Administración dixital de Galicia, que entre outras cuestións prevé a eliminación do papel sobre o ano 2020.
En definitiva, o obxectivo é seguir traballando por unha administración máis útil, de maior calidade, máis eficaz e que ofreza mellores servizos, tanto á cidadanía en xeral como ás empresas.

PUBLICIDADE