A Xunta destaca as posibilidades da IA no eido xudicial
mércores, 13 de novembro do 2024
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou esta tarde na inauguración do XX Congreso Nacional da asociación Foro Xudicial Independente, onde destacou a necesidade de apostar polas TIC no ámbito da Administración de Xustiza co obxectivo de impulsar unha xustiza sustentable.
Nesta liña, incidiu no papel que xoga a intelixencia artificial na xustiza preditiva, isto é “a análise de grandes volumes de datos xurídicos” tanto para “axudar aos operadores xurídicos a identificar precedentes na xurisprudencia como aos xuíces nas predicións e ás administracións na simplificación dos procesos xudiciais”.
Ademais, engadiu que a intelixencia artificial proporciona un papel clave na dixitalización da xustiza, ao mesmo tempo que “fomenta a colaboración e a comunicación entre os operadores xurídicos, facilitando un enfoque máis proactivo e transparente na prestación de servizos legais”.