A Xunta destaca o efecto tractor de CONGALSA e o seu papel transformador

xoves, 7 de setembro do 2023 S. P.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou este mércores 6 de setembro as instalacións na Pobra do Caramiñal de CONGALSA e coñeceu en detalle o seu proxecto tecnolóxico-transformador CONGALS4.0 para avanzar na consecución da fábrica intelixente. O titular de Mar salientou que esta empresa é “un gran exemplo da aposta constante da industria de transformación de produtos do mar de Galicia pola innovación e por gañar en competitividade”, o que a converte “nun referente europeo e mundial e produce un efecto tractor nas empresas da súa contorna”.
Apoio ao sector
O representante da Xunta asegurou que o sector vai seguir contando co apoio do Executivo galego para “poder medrar a través de liñas de axudas como as destinadas desde 2016 ás pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar”. Estas achegas, dixo, “superaron os 100 millóns de euros, permitiron desenvolver preto de 400 proxectos de mellora das instalacións das empresas e supuxeron un investimento global de máis de 200 millóns de euros”.
Alfonso Villares incidiu en que a Administración debe “estar do lado do sector no día a día”, como “mostran estes apoios, pero tamén en situacións extraordinarias de dificultades como a alerta sanitaria pola COVID-19 ou a guerra en Ucraína”. Nesta liña, lembrou que, “ao igual que no caso do coronavirus, a Xunta convocou recentemente axudas destinadas aos sectores da transformación e da comercializacións dos produtos do mar para compensar os maiores custos de produción das empresas polo conflito bélico”. Eses apoios, cun orzamento de 7,5 millóns de euros e dos que o prazo de solicitude aínda está aberto, p”retenden compensar o gasto adicional no que incorreron entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2022 polo encarecemento da enerxía, dos envases e embalaxes e de produtos necesarios para a fabricación como a fariña, o pan relado ou os aceites”.
CONGALS4.0
O conselleiro incidiu en que o proxecto CONGALS4.0 coloca a CONGALSA nunha situación de privilexio, facéndoa “máis flexíbel, competitiva e eficiente, cuestións clave para medrar nun mercado cada vez máis global”.
Alfonso Villares, que estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, animou aos responsábeis da empresa a seguir con esta liña de traballo.
De feito, coincidiu co director xeral de CONGALSA, Luis Miguel Simarro, en que se trata dunha compañía que aposta constantemente pola innovación e a mellora continua, tanto nos procedementos e procesos do traballo como á hora de lanzar ao mercado novos produtos e diversificar as liñas de negocio.
O titular de Mar salientou ademais o compromiso trasladado por CONGALSA de darlle valor e comercializar o produto local e de proximidade nas plantas do grupo, o que vai en beneficio da contorna de fábricas como a que visitou este 6 de setembro, que é un motor económico da Pobra do Caramiñal, da comarca do Barbanza e do conxunto de Galicia.
O proxecto CONGALS4.0, posto en marcha por CONGALSA co apoio do centro tecnolóxico Gradiant, contou cun orzamento de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública de máis de 2 millóns de euros para impulsar a transformación industrial da fábrica. As melloras introducidas permiten optimizar o proceso produtivo, a entrega a clientes, reducir custos e adaptarse máis rapidamente ao mercado mellorando a súa eficiencia.
CONGALS4.0, proxecto co-financiado con fondos FEDER que contou co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apoiouse firme nas tecnoloxías máis avanzadas, pero tamén no compoñente humano, tal e como explicou a dirección da compañía na presentación de resultados da iniciativa intelixente. O seu obxectivo principal foi o de desenvolver un modelo de negocio 4.0. para CONGALSA, interconectando procesos produtivos e de xestión. Para logralo, sensorizouse gran parte da planta e desenvolvéronse sistemas para facer monitoraxe en tempo real de diferentes datos de procesos da compañía, integrando esta información con outros procedentes de provedores e clientes. Con isto buscouse dixitalizar a cadea de valor da empresa e automatizar diferentes rutinas de traballo: desde a xestión de mantemento, ata a planificación das fabricacións.

PUBLICIDADE