A Xunta destaca o esforzo de Galicia a prol do desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista
martes, 21 de maio do 2024
A Xunta puxo hoxe de relevo, no marco do Govtech4impact World Congress, o esforzo de Galicia para situarse á vangarda de Europa no desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiu á inauguración deste congreso mundial, onde participou ademais nunha reunión a porta pechada de responsables de dixitalización e innovación de Andalucía, Navarra, Madrid, Castela-A Mancha e Estremadura.
A presenza de Galicia neste congreso continúa o xoves 23, cando o director da AMTEGA, Julián Cerviño, participará na xornada sobre as oportunidades e os retos que presenta a Intelixencia Artificial para a eficiencia administrativa. Alí volverá a insistir no esforzo de Galicia para situarse á vangarda de Europa no desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e humanista.
Julián Cerviño falará de iniciativas como a lexislación que proximamente aprobará o Consello da Xunta, que é a primeira lei rexional que se elabora en Europa para o desenvolvemento e implantación da IA na Administración. A lei que prepara a Comunidade galega recoñece os dereito da cidadanía e establece mecanismos de promoción e incentivos para o uso da intelixencia artificial por parte da sociedade e os sectores produtivos.
Cómpre salientar que a intelixencia artificial é unha tecnoloxía clave para o obxectivo do Goberno galego de avanzar cara á unha administración dixital máis eficiente, máis personalizada e máis accesible.