A Xunta destaca o papel da IA na modernización de Xustiza

martes, 7 de xullo do 2026 Redacción

Antes da inauguración da XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial no Pazo de Mariñán, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, asinou o convenio de colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e a Deputación da Coruña para apoiar o desenvolvemento desta iniciativa.
Xa no acto inaugural, Diego Calvo destacou que a Escola de Verán se consolidou como un punto de encontro de referencia para membros da carreira xudicial de toda España, favorecendo a súa formación e o intercambio de coñecemento.
A edición deste ano está dedicada ao impacto da intelixencia artificial na Administración de Xustiza. O conselleiro subliñou a importancia de espazos como esta Escola para que os profesionais poidan analizar e debater tanto as oportunidades como os desafíos que supón a incorporación desta tecnoloxía á actividade xudicial.
Neste sentido, apuntou que a intelixencia artificial pode contribuír a optimizar a xestión da información, automatizar determinadas tarefas e facilitar o labor dos profesionais, aínda que advertiu da necesidade de garantir en todo momento a protección dos dereitos fundamentais. Tamén lembrou que a Xunta dispón dun Plan de medidas de mellora da ciberseguridade no ámbito xudicial, co que se reforzou a protección dos equipos informáticos empregados polos profesionais e se impulsaron accións formativas para previr ameazas dixitais.
Calvo incidiu ademais no compromiso da Xunta coa modernización da Administración de Xustiza mediante a incorporación de novas tecnoloxías. Nesa liña, lembrou que o Goberno galego aprobou o Plan Senda 2028, dotado con 24,4 millóns de euros (dos que 6,9 millóns proceden de fondos europeos Feder), co propósito de mellorar os servizos dixitais da xustiza e avanzar cara a un sistema máis eficaz e accesible. O plan sitúa a intelixencia artificial como un dos seus eixes e pretende adaptar a xustiza dixital galega ao novo marco legal definido pola Lei orgánica 1/2025 de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza.
Sobre a implantación desta normativa estatal en Galicia, o conselleiro sinalou que supón unha transformación organizativa de grande complexidade, ao substituír unha estrutura vixente desde o século XIX. No caso galego, a reforma afectou aos 45 partidos xudiciais e implicou a reorganización de máis de 3.000 funcionarios da Administración de Xustiza.