A Xunta destaca o papel da IA para humanizar a administración e dotar de maior eficacia aos servizos públicos
xoves, 16 de outubro do 2025
Recoñecidos expertos nacionais en Dereito Administrativo participan desde hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no curso monográfico A regulación da intelixencia artificial: sistemas e datos. Regulación da normativa europea, estatal e autonómica. Esta acción formativa, organizada pola EGAP e a AMTEGA, conta coa colaboración do Observatorio Internacional da Regulación de Entidades do Sector Público.
A sesión inaugural contou coa presenza da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; do director da AMTEGA, Julián Cerviño, e do profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago e director do curso, Marcos Almeida Cerreda.
A directora da EGAP destacou a relevancia do curso, no que se analizará o marco normativo da intelixencia artificial desde unha perspectiva europea, estatal e autonómica, con especial atención á lexislación galega recentemente aprobada pola Xunta de Galicia.
Durante a súa intervención, sinalou que “é preciso regular e garantir que o emprego dos sistemas de IA por parte do sector público non supoña unha mingua dos dereitos dos cidadáns nin un debilitamento do Estado de dereito no mundo dixital”.
Tamén afirmou que con este curso monográfico “preténdese humanizar a intelixencia artificial” e nel afondarase nas vantaxes e riscos que implica o uso da IA na Administración pública, polo que “é preciso que o persoal empregado público estea formado e preparado para aplicar esta nova tecnoloxía, que permitirá mellorar o modelo de relación entre as administracións e os cidadáns e ofrecer uns servizos públicos con maior calidade e eficiencia”.
Pola súa parte, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia, incidiu na necesidade de que o persoal empregado público coñeza o novo marco de regulación sobre o uso dos sistemas de intelixencia artificial na Administración e nos servizos públicos.
Subliñou ademais que a intelixencia artificial “pode humanizar a Administración e darlle un novo valor e sentido ao traballo do persoal empregado público, que poderá centrarse máis nas persoas e na supervisión das tarefas automatizadas”.
Cerviño puxo tamén en valor que “Galicia foi a primeira rexión europea en afrontar a responsabilidade de trasladar e adaptar a unha lei propia os principios e obrigas recollidos no Regulamento europeo de IA”.
O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Marcos Almeida Cerredo, explicou que durante o curso se analizará a nova lei galega sobre intelixencia artificial desde diferentes enfoques e destacou a relevancia da participación de expertos de primeiro nivel nesta actividade formativa.
A conferencia inaugural estivo a cargo do director da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso, quen impartiu un relatorio sobre O Regulamento (UE) 2024/1689 polo que se establecen normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.
A continuación celebrouse unha mesa redonda titulada A gobernanza da intelixencia artificial e os principios xerais para asegurar unha IA ética e fiable, na que participaron o delegado de Protección de Datos da Universidade de Alacante, Rubén Martínez Gutiérrez, e Martín Mª Razquín Lizarraga, da Universidade de Navarra. A sesión foi moderada polo profesor Marcos Almeida.
Ao longo das diferentes intervencións, destacados expertos nacionais en Dereito Administrativo abordarán os principios éticos e xurídicos que deben rexer o uso da IA, a súa aplicación na Administración pública, as medidas de impulso e a súa gobernanza, así como cuestións relativas á contratación pública e á formación de empregados e cidadanía, todo nun contexto de transformación dixital responsable e segura.
Programa do venres
O curso continuará mañá venres co relatorio de Patricia Valcárcel Fernández, da Universidade de Vigo, titulado As medidas para o impulso da intelixencia artificial, en especial en Galicia. Seguiralle a intervención de Agustí Cerrillo Martínez, da Universitat Oberta de Catalunya, que profundará en O uso da intelixencia artificial e modelos de intelixencia artificial no seo das administracións públicas.
Posteriormente, Matilde Carlón Ruiz, da Universidade Complutense de Madrid, ofrecerá unha charla sobre A planificación, xestión e colaboración administrativa no campo da intelixencia artificial. Pechará o programa María José Roca Fernández, tamén da Universidade Complutense de Madrid, cunha intervención dedicada a Os dereitos da cidadanía e as súas garantías, en especial as persoas comisionadas de intelixencia artificial.
