A Xunta destaca o proceso modernizador do Servizo Público de Emprego

mércores, 11 de decembro do 2024 Redacción

O conselleiro de Emprego,Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago no Congreso anual do persoal de dirección das 54 oficinas de emprego de Galicia, unhas oficinas que se están consolidando como referentes de innovación e modernización coa ferramenta EMi de intelixencia artificial en beneficio tanto das persoas que demandan activamente emprego como das empresas que precisan talento.
Esta aplicación foi recoñecida nos Premios aos mellores casos do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea, logro polo que González felicitou ao persoal das oficinas de emprego, lembrando que con EMi se realizará o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano, co obxectivo de cubrir de forma máis eficaz a demanda de man de obra e atender as persoas que están buscando activamente traballo ou que busquen mellorar o que xa teñen.
Con 1 millón de euros de orzamento, o ano que vén desenvolverase EMi con novas accións como unha aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego baseadas en datos do mercado laboral. Unha aplicación que porá o foco especialmente en colectivos como a xente nova.
O conselleiro tamén amosou incorporacións como os novos caixeiros que se irán instalando nas oficinas para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa e outras xestións, co obxectivo de axilizar trámites e incrementar a eficacia do Servizo Público de Emprego de Galicia.

As oficinas están a incorporar novos caixeiros