A Xunta destaca o rol das aulas CeMIT para unha transformación dixital inclusiva
mércores, 29 de novembro do 2023
O conselleiro de
Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou esta mañá a aula CeMit
de Moaña, acompañado polo director da AMTEGA, Julián Cerviño, onde destacou
o papel fundamental da rede pública de aulas CeMIT para acadar unha
transformación dixital inclusiva.
A visita coincidiu co remate dun ciclo formativo básico en intelixencia
artificial, que contou con máis de 220 participantes, e é un bo exemplo do
compromiso da Xunta para que a cidadanía poida tirar proveito das TIC con
independencia da súa idade, formación ou lugar de residencia.
Miguel Corgos lembrou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a
levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas
tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con
1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.
Así mesmo, subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación
de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais
da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con
capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos
audiovisuais.
Con 94 aulas
distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e
500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o
conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé no labor da rede
CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de
dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas
franxas de idades máis elevadas.