A Xunta destina 12,5 millóns a incrementar e mellorar o material informático das aulas

luns, 5 de agosto do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), destinará 12,57 millóns de euros a equipamentos informáticos para centros educativos no marco do proxecto Abalar-EDixgal. Segundo explicou a axencia, “esta actuación permitirá mellorar e actualizar e educación dixital con novas impresoras láser, armarios de carga de equipos portátiles, servidores do sistema Abalar, computadores de sobremesa avanzados e dispositivos de carga”.
Cada un deste lotes contará cun provedor, ao que se poderá recorrer a través de contratos derivados durante os vindeiros tres anos, en función das necesidades.
En concreto, o acordo marco permitirá a adquisición de 500 impresoras multifunción láser; 500 armarios para almacenar e cargar un mínimo de 30 ordenadores portátiles; 500 servidores para os sistemas de Abalar; 2.000 ordenadores de sobremesa avanzados e 20.000 dispositivos de carga USB.
Estes equipamentos forman parte do modelo de educación dixital de Galicia, que avanza cara á dixitalización de todas as aulas, dende Educación Infantil ata 2º de Bacharelato, Formación e as ensinanzas de réxime especial. Estas aulas contan con paneis dixitais interactivos e un ordenador.
O proxecto Abalar, que se iniciou en 2010, actúa en catro eixos: as infraestruturas e equipamentos nos centros (no que se integra este acordo marco); a formación e fomento da cultura dixital; os contidos educativos dixitais e a participación e colaboración.
O acordo tamén complementará e apoiará o proxecto de educación dixital E-Dixgal. Este proxecto foi adoptado xa por 630 centros que o solicitaron mediante acordo do Consello Escolar. Está a ser usado por máis de 64.000 escolares e 10.500 docentes. Na actualidade está en marcha unha nova licitación de tres lotes de contidos educativos dixitais para o proxecto E-Dixgal, cun investimento anual de máis de dous millóns de euros.
O modelo de educación dixital de Galicia inclúe a dotación dos centros con internet de alta velocidade e con redes Wi-Fi en todas as instalacións docentes. Na actualidade hai cerca de 1.300 centros con conexión de 1Gbps. Os centros contan con máis de 5.500 puntos de acceso Wi-Fi.
Por outra banda, a aplicación abalarMóbil tivo en 2023 en torno a 38 millóns de acceso, tres millóns máis que en 2022. A aplicación acumula unhas 440.000 persoas usuarias.