A Xunta destina 18 millóns de euros á loita contra a ciberdelincuencia
xoves, 20 de outubro do 2022
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director da
AMTEGA, Julián Cerviño, participaron na apertura da XI Xornada de Informática
Xudicial e Delitos Informáticos IuristicGal2022, organizada polo Colexio
Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, onde afirmaron que
a Xunta aposta polo fomento da ciberseguridade nas institucións, as empresas e
no conxunto da sociedade a través dun un
decálogo de medidas de colaboración entre administracións e cos sectores
privados nas que investirá
18 millóns de euros.
Na súa intervención, o director xeral de Xustiza destacou o
labor desenvolvido pola Xunta “nunha transición dixital rápida e axeitada ás
necesidades da cidadanía que permita mellorar as medidas preventivas e a
capacidade de resposta ante ciberataques”. O obxectivo é ser, no horizonte de
2030, “referente internacional na materia tanto a nivel académico e
investigador como empresarial e comercial”. Nesta liña referiuse á importancia
do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia que implicará un
investimento para a súa posta en marcha duns 3,5 millóns de euros.
O director xeral incidiu na preocupación crecente tanto
entre as autoridades xudiciais e policiais como entre a cidadanía pola
ciberdelincuencia. Para Tronchoni, trátase de “novas formas de criminalidade
difíciles de perseguir e que requiren dun esforzo constante para dotar as
forzas e corpos de seguridade e á Administración de Xustiza dos recursos
precisos e de profesionais cualificados”.
Dixitalización da Xustiza
Pola súa banda, o director da AMTEGA lembrou que “hai máis
de dez anos puxemos en marcha unha ambiciosa iniciativa para a dixitalización
da xustiza, que se materializou a través dos plans Senda 2014 e Senda 2020.”
Unha década na que Galicia reforzou as infraestruturas tecnolóxicas no eido
xudicial; implantou os sistemas de xestión procesual para xuíces, letrados,
empregados públicos e fiscais así como a sinatura dixital en todos os órganos
xudiciais; puxo en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico;
desenvolveu unha rede de videoconferencias que dá servizo a todos os órganos
xudiciais e foi a primeira comunidade en poñer en marcha a sede electrónica
xudicial.
O máximo responsable da Axencia autonómica destacou agora
“queremos lograr a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á
cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e
adaptados ás súas necesidades”. E con estes obxectivos está en marcha o III Plan
Senda 2025 cun investimento de máis de 43 millóns de euros, un 68% máis que os
plans anteriores que, entre outras medidas, permitirá completar a
dixitalización do 100% de salas de vistas planta xudicial galega e potenciar os
actos procesuais en remoto; evolucionar a Sede Xudicial Electrónica e
incrementar o número de servizos dispoñibles ou impulsar a estratexia do dato e
automatización para que a xestión da información facilite a mellora e a
calidade do servizo.