A Xunta destina 2,7 millóns á contratación dun milleiro de mulleres en sectores como o verde ou o dixital
mércores, 23 de agosto do 2023
O
Diario Oficial de Galicia (DOG) publica
este
23 de agosto a
orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que destina
2,7 millóns de euros á contratación de mulleres sen emprego en
sectores con potencial como o emprego verde e dixital e o dos
coidados. Mediante esta iniciativa, a Xunta ofrecerá itinerarios
individualizados para que “máis de mil mulleres desempregadas,
principalmente de concellos pequenos de ata 5.000 habitantes, poidan
mellorar a súa capacitación e incrementar as súas oportunidades
laborais”, explícase
na convocatoria, na que se engade que estas achegas permitirán que
entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro
“desenvolvan programas de emprego en feminino”, co obxectivo de
garantir a inserción laboral das mulleres e de que poidan participar
na dinamización económica das áreas menos poboadas.
As
traballadoras recibirán un incentivo de 400 euros, que se canalizará
a través das entidades locais organizadoras, que se inclúe nas
achegas de 1.715 euros por participante que poderán recibir, para
dar cobertura, ademais, aos gastos técnicos, de material, de
publicidade, de formación do persoal, etc. nos que poidan incorrer.
A esa contía engadiranse outros 2.500 euros por muller inserida no
mercado de traballo ao finalizar as accións.
O
prazo de solicitude prolongarase dende
este xoves 24
ata o vindeiro día
16 de outubro.
As
destinatarias finais destes programas serán as mulleres
desempregadas inscritas como demandantes no Servizo Público de
Emprego de Galicia e residentes, preferentemente, en municipios de
ata 5.000 habitantes, que, á vez, presenten necesidades de
cualificación ou recualificación formativa ou profesional para
poder acceder a un sector laboral concreto. Coa medida agárdase
chegar a unhas 1.047 mulleres, un terzo delas residentes neses
concellos máis pequenos.
A
orde de axudas, que se financia con fondos europeos a través do
Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), garantirá o apoio a
mulleres en desemprego por medio de programas que combinarán accións
de orientación laboral co asesoramento, a información, a formación
e a adquisición de competencias e habilidades. A formación a
impartir dirixirase a mellorar a capacitación para postos de
traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das
necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolve a
iniciativa.
Tanto
os itinerarios como a cobertura de postos de traballo resultante da
súa execución orientarase, entre outros, cara ao emprego verde e
dixital, ao eido dos coidados de longa duración, emprendemento e
economía social, enerxías renovables,
tratamento de augas e residuos, aproveitamentos forestais e agrarios
sustentables,
economía circular ou dixitalización de servizos. Porase o foco, así
mesmo, nas oportunidades que brindan iniciativas de desenvolvemento
local rural e sustentable
(xestión do patrimonio, actividade turística, emprendemento e
economía social con dimensión local e verde, produtos endóxenos) e
que faciliten a cohesión social (atención da dependencia,
intervención con colectivos vulnerables, etc.).
As
accións terán unha duración de doce meses.
