A Xunta destina 6,2 millóns de euros aos centros tecnolóxicos galegos
luns, 3 de novembro do 2025
A Xunta de Galicia anunciou que vai destinar 6,2 millóns de euros para as anualidades 2025-2026 á consolidación e estruturación das unidades de investigación competitivas dos centros tecnolóxicos galegos. A convocatoria ten como obxectivo “apoiar o labor de nove centros, potenciando as súas liñas de investigación e a transferencia do coñecemento ao tecido produtivo”. Esta liña de axudas está enmarcada nun paquete de medidas de 52 millóns de euros para impulsar a I+G+i.
En concreto, os beneficiarios destas subvencións son: a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Pescados e Mariscos – Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (ANFACO-CYTMA), o Centro Galego de Investigación da Auga (Cetaqua), o Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (Energylab), a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
Con esta convocatoria, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP busca “incentivar a transferencia de resultados de investigación e de capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado para acadar un verdadeiro impacto na competitividade das empresas galegas e mellorar, así, o benestar da cidadanía”.
Para iso, con esta liña de axudas impúlsase a captación de talento, o apoio a consolidación de persoal investigador, o reforzo do papel tractor dos centros de coñecemento da I+D+i galega, potenciar a interacción entre os distintos axentes e a orientación da súa actividade cara o mercado.
