A Xunta destinará case 5 millóns ao programa Investigo este ano que comeza
xoves, 2 de xaneiro do 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou este xoves 2 de xaneiro a sede a empresa fabricante de iluminación exterior intelixente SETGA, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra). Na súa estadía Fernández avanzou que a nova edición do programa Investigo contará cun orzamento de 4,8 millóns de euros para apoiar a contratación de menores de 30 anos desempregados no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.
Engadiu que “por primeira vez, a iniciativa intégrase na nova Estratexia mocidade activa da Xunta para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova e que, tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, estará dotada con 20 millóns de euros”.
A súa visita veu motivada pola participación de SETGA en Investigo, programa a través do cal a firma recibiu unha axuda de case 133.000 euros no marco da edición de 2023 do programa para contratar un total de cinco persoas mozas. No caso da orde deste ano, a previsión é fomentar a contratación de entre 145 e 215 menores de 30 anos en función dos módulos salariais que se apliquen. Como novidade, reservarase 1 millón de euros dos máis de 4,8 millóns de presuposto para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i. Entre 2022 (cando se estreou o programa Investigo) e 2024, a Xunta xa destinou máis de 27 millóns de euros a este plan, cun total de 213 empresas beneficiarias que posibilitaron 863 contratacións de persoas mozas.
SETGA, como lembraremos, desenvolveu recentemente unha tecnoloxía baseada en iluminación intelixente que permite adaptarse ao ritmo circadiano dos cidadáns. Esta solución encádrase na filosofía do Human Centric Lighting, iluminación centrada no ser humano e adaptada ás súas necesidades para alcanzar a calidade máxima de luz e iluminación en cada momento.