A Xunta destinará en 2022 máis de 209 millóns á transformación dixital

venres, 5 de novembro do 2021 S. P.

O Goberno galego vai destinar uns orzamentos de máis de 209 millóns de euros para a transformación dixital a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Esta contía, relativa a 2022, implica un incremento de un 8 por cento con respecto a 2021 e dun 80 por cento con respecto a 2020, sinalou este venres 5 de novembro a directora da dita axencia, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos.
Na súa intervención dixo que estas contas “permitirán avanzar na transformación dixital de Galicia nun momento que será clave na recuperación económica e na consecución dun desenvolvemento sustentábel, tanto a nivel económico como social e medio ambiental”. Pereira debullou os capítulos de investimento, que suman 165,7 millóns de euros e que posibilitarán “continuar co impulso emprendido no ano 2021 cara á transformación dixital a través dos plans e programas que desenvolve a axencia cos diferentes departamentos da Xunta”.
Mar Pereira destacou tres liñas estratéxicas principais, destinadas a “posicionar a Galicia na década dixital que impulsa Europa”. Citou, neste sentido, a Estratexia Galicia Dixital 2030, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e o novo Marco Galego de Competencias Dixitais
A directora da Axencia referiuse a cinco eixos principais de actuación:
-Unha administración do século XXI.
-Uns servizos públicos dixitais.
-Un territorio intelixente, sustentábel e conectado.
-O reforzo das infraestruturas e a conectividade.
-O impulso ás competencias e ao talento dixital.
Unha administración do século XXI
As actuacións para o modernización da administración, incluídas facenda pública e a Xustiza, “suman investimentos de preto de 39 millóns de euros”, dixo, engadindo que estas partidas permitirán “afrontar a robotización para a automatización dos procesos administrativos, así como avanzar no novo modelo de posto de traballo para o persoal empregado público nun contexto de teletraballo e mobilidade”.
No que respecta á transformación dixital da facenda pública, Pereira sinalou que a Xunta “mellorará e facilitará a relación co contribuínte cunha atención personalizada, proactiva e multicanle e implantará técnicas de intelixencia artificial e analítica avanzada na loita contra o fraude”.
Tamén fixo saber que o orzamento para a dixitalización da Xustiza ascende a 7 millóns de euros, que farán posíbel “avanzar na consecución do expediente dixital íntegro, así como nos medios e servizos de acompañamento á cidadanía e ás vítimas”.
Servizos públicos dixitais
Amais, engadiu, a transformación dos principais servizos públicos suma investimentos de máis de 50 millóns de euros.
No ámbito da educación, estes investimentos permitirán acadar en 2022 o obxectivo de que todo o alumnado entre primeiro de Primaria e segundo de Bacharelato dispoña de aulas dixitais, así como ampliar o uso do libro dixital e mellorar la conectividade dos centros.
Por outra banda, o impulso da dixitalización dos servizos sociais “perm
itirán poñer en marcha as primeiras medidas do novo Modelo Dixital de Atención Sociosanitaria no ámbito residencial, que inclúe a universalización no acceso por parte dos profesionais ao sistema de historia clínica electrónica”, informou.
Pulo á dixitalización dos sectores económicos
Pereira engadiu que do total do orzamento destinaranse 4,8 millóns de euros a iniciativas relacionadas co turismo e a cultura, como a posta en marcha do modelo de Galiciana Semántica, o incremento dos contidos dixitalizados ou a ampliación do sistema de xestión do catálogo de patrimonio.
No ámbito do turismo, continuarase coa posta en macha do sistema de información baseado en Big Data, nas iniciativas de sensórica en recursos turísticos e no desenvolvemento de medios dixitais para as oficinas de turismo.
A directora explicou asemade que a axencia xestionará preto de 12 millóns de euros aos ámbitos do medio rural e ao mar para continuar co desenvolvemento de poxas electrónicas e rastrexabilidade (trazabilidade) a través de tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) para mercados como o da madeira ou os produtos do mar. Entre outras actuacións, tamén se porá en marcha un novo sistema de xestión para as explotacións agrarias.
Destinaranse, así mesmo, máis de 2 millóns de euros ao Plan eMobility, con actuacións como a oficina virtual do transporte ou o uso da tecnoloxía Big Data para analizar os patróns da mobilidade.
Territorio intelixente, sustentábel e conectado
Pereira fixo saber que os orzamentos de 2022 farán posíbel a posta en marcha do proxecto Territorio Intelixente, cunha dotación de preto de 8 millóns de euros. Grazas a isto, dixo, “a Xunta disporá dunha plataforma con base cartográfica que permitirá unha xestión do territorio avanzada e con datos a tempo real”.
Por outra banda, desenvolverase a plataforma dixital urbanística de Galicia “para modernizar o proceso de tramitación dos instrumentos de planeamento entre todos os axentes implicados”.
Reforzo das infraestruturas e conectividade
Outra das liñas de traballo é o fortalecemento das infraestruturas dixitais, encamiñadas a garantir a dispoñibilidade dos servizos públicos. Entre as actuacións destaca a posta en marcha dun novo data center de alta seguridade. Amais, engadiu Pereira, reforzarase a ciberseguridade co inicio da obra do Centro de Ciberseguridade de Galicia e a posta en marcha de novos servizos para as administracións, as empresas e a cidadanía.
“Os orzamentos”, sinalou, “permitirán tamén financiar actuacións que complementan a competencia estatal de despregamento de redes. entre as que se atopan unha iniciativa para mellorar a cobertura móbil en zonas illadas da Comunidade e unha actuación para dotar de servizos de banda larga ultrarrápida e empresas que se atopan en zonas pouco comunicadas do rural, cunha dotación de 3,4 millóns de euros”.
As partidas do marco de recuperación e resiliencia que son transferidas a Galicia polo Estado permitirán dedicar 2,8 millóns de euros á mellora da conectividade con banda larga en polígonos industriais e centros públicos, así como o apoio mediante bonos dixitais para a contratación de servizos de banda larga dirixidos a colectivos vulnerábeis.
As partidas dos fondos europeos dedicadas á mellora da cobertura, tanto de fibra como da 5G, serán xestionadas de xeito centralizado por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais e a Estratexia de Impulso ao Desenvolvemento das Tecnoloxías 5G.
Competencias e talento dixital
A maiores de todo o devandito, a axencia destinará 4,7 millóns de euros á posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022. Ao fío desta liña de traballo, estableceranse os mecanismos de formación e acreditación nos que participarán entidades colaboradoras e acometerase un plan de reforma e ampliación da rede de aulas CeMIT como “instrumento esencial para lograr o obxectivo de que en 2025 o 70 por cento da poboación teña competencias dixitais básicas”.

PUBLICIDADE