A Xunta e Telefónica queren que Galicia sexa un referente en tecnoloxías cuánticas

martes, 8 de xullo do 2025 S. P.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente de Telefónica España, Borja Ochoa, mantiveron este martes 8 de xullo un diálogo co que se clausurou o foro sobre tecnoloxías cuánticas Galicia Conecta, que reuniu na Cidade da Cultura de Santiago a expertos do máximo nivel e empresas especializadas.
O presidente da Xunta afirmou que “Galicia ten capacidade para situarse á vangarda da tecnoloxía cuántica no contexto europeo” e puxo de relevo unha posición sólida neste ámbito “grazas a recursos únicos e a unha rede de centros científicos e tecnolóxicos que permiten dar un salto cualitativo no sector.”
O Goberno galego, comentou Rueda, “aspira a converter Galicia nun territorio líder en investigación e aplicación de tecnoloxías cuánticas, apoiando solucións industriais reais e fomentando ao mesmo tempo a creación de emprego cualificado”.
Pola súa banda, Borja Ochoa, presidente de Telefónica España, asegurou: “Apoiaremos a Galicia para participar da revolución cuántica. En Telefónica estamos a adiantarnos ao desafío que supón unha nova tecnoloxía que non pertence ao futuro, senón que xa está a transformar as industrias e os procesos de empresas e institucións de todo o mundo, como a IA”.
Ademais, o presidente de Telefónica España puxo en valor a importancia do novo centro de ciberseguridade inaugurado recentemente por Telefónica en Vigo, “un centro chamado a converterse nun nodo estratéxico de seguridade cuántica en Europa” e desde onde se protexen “infraestruturas críticas non só en España, senón tamén noutros países, cun modelo 24/7 e visión global”, sostivo, ao tempo que salientou os investimentos da compañía en Galicia, “que sentaron as bases para o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas no territorio”.
Ochoa tamén fixo balance dos investimos en Galicia da operadora nos últimos dez anos: máis de 800 millóns para despregar “unha das mellores redes de fibra e 5G do mundo”. Hoxe, dixo, “preto do 93% dos fogares galegos ten cobertura de fibra e ao redor do 95% da poboación conta xa con cobertura 5G”.
O diálogo entre os presidentes de Telefónica e a Xunta de Galicia destacou como peche desta xornada organizada por Telefónica e na que algunhas das empresas e expertos de maior nivel en tecnoloxías cuánticas abordaron o seu desenvolvemento e aplicacións en distintos ámbitos, así como a súa combinación coa Intelixencia Artificial, a Internet das Cousas (IoT), a 5G, a análise da información a gran escala (Big Data) e a analítica avanzada.
Manuel Ángel Alonso, director do Territorio Norte de Telefónica España, foi o encargado de inaugurar o encontro. Concluída a súa intervención, Lois Orosa, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), realizou unha introdución ás tecnoloxías cuánticas.
Máis tarde, Jorge da Herrán, presidente de Qubiz, falou sobre o ámbito da sensórica, e a continuación David Rodríguez, xestor-responsable na Península de IQM Quantum Computers, abordou a combinación de IA e computación cuántica onda Alba Meijide, responsable de IA de Territorio Norte de Telefónica España.
José Luis Domínguez, director de ciberseguridade e cloud de Telefónica Tech, explicou as vantaxes da tecnoloxía Quantum Safe, unha solución innovadora que combina a criptografía tradicional coa poscuántica para axudar ás empresas a protexer as súas comunicacións e datos críticos.
Acto seguido, celebrouse a mesa redonda Tecnoloxías cuánticas, unha nova forma de procesar e transformar a sociedade, moderada por Carmen Cotelo, directora da axencia galega GAIN, e na que participaron Pablo Vidal, responsable de Transformación Dixital do Territorio Norte de Telefónica, Adriano Galano, especialista en vendas de AI e HPC en HPE, Carlos Kuchkovsky, director executivo (CEO) e co-fundador de QCentroid, e Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.