A Xunta e Vodafone ultiman o programa de reforzo das competencias dixitais Digicraft no teu cole

luns, 9 de setembro do 2019 Redacción

O 30 de setembro péchase o prazo para que os centros educativos poidan adherirse ao Programa DigiCraft no teu cole, promovido pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Até 50 centros escolares poderán beneficiarse desta iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Galicia é a primeira Comunidade na que a Fundación Vodafone España pon en marcha DigiCraft no teu cole, que terá unha duración de dous anos e enmárcase no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia DigiTalent impulsado pola AMTEGA.
Os centros que se adhiran a DigiCraft terán acceso a formación para que os profesores poidan impartir o programa nas aulas, así como aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades e dotación de tabletas e kits tecnolóxicos, que permitirán aos docentes e alumnado desenvolver as actividades establecidas.
O programa articúlase ao redor da metodoloxía DigiCraft, un sistema de aprendizaxe específico baseado no xogo e a experimentación, deseñada pola Universidade de Salamanca para a Fundación Vodafone España para axudar aos nenos e nenas a adaptarse a unha sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.

PUBLICIDADE