A Xunta e a Fundación Santa María La Real potencian o emprego con formación tecnolóxica

luns, 23 de decembro do 2024 S. P.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Fundación Santa María la Real anunciaron que van manter a súa colaboración para “continuar impulsando a inserción laboral das persoas con máis dificultades de acceder a un traballo”. Farano a través dunha nova edición do programa Hubs de Activación da empregabilidade, con dúas fases que abranguerán medida ducia de lanzadeiras de emprego para beneficiar, en total, a 120 persoas sen traballo.
O obxectivo do programa, que se prolongará ata novembro de 2025, “é activar persoal e profesionalmente aos participantes, mellorando a súa empregabilidade con competencias transversais e coas habilidades máis demandadas no mercado laboral -incluídas as competencias verdes-, ademais de reducir a fenda dixital”.
A primeira fase da iniciativa está en marcha e desenvolverase ata abril de 2025 de maneira simultánea no Centro de Orientación ao Emprendemento, situado na Coruña e que abrangue a lanzadeira Emprego Activa e a lanzadeira Despega, e no centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) de Redondela, coa lanzadeira de Emprego Nómade. En cada localidade participan 30 persoas.
En maio do vindeiro ano iniciarase a segunda fase, tamén con lanzadeiras simultáneas no Centro de Orientación ao Emprendemento e na localidade de Pontevedra, e na que en total poderán participar outras 60 persoas.
En concreto, o programa está dirixido a colectivos como os de parados de longa duración, persoas con baixa cualificación, inmigrantes, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, integrantes de fogares con todos os seus membros en desemprego ou familias monoparentais. As persoas interesadas en participar neste programa poden inscribirse no formulario online da iniciativa.
Durante os seis meses que duran as diferentes lanzadeiras, as persoas participantes obteñen unha guía en orientación laboral para actualizar a súa busca de emprego na contorna dixital, aprender a manexar os principais portais de traballo, optar a postos emerxentes no mercado laboral, mellorar o contacto con empresas e enfrontarse con éxito a unha entrevista de traballo.
Ao mesmo tempo, fórmanse en habilidades dixitais e competencias verdes.
A iniciativa está impulsada pola Fundación Santa María la Real e a Fundación Iberdrola España, co co-financiamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a cargo do Programa estatal de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza e da Xunta de Galicia, que destina a ela preto de 103.000 euros.
Estas novas lanzadeiras darán continuidade ás tres da primeira edición do programa de activación de empregabilidade, desenvolvidas pola Fundación Santa María la Real coa colaboración do Goberno galego, en Santiago de Compostela e na Coruña entre marzo e setembro de 2024. Nelas participaron un total de 80 persoas, que recibiron acompañamento ao longo de todo o proxecto en competencias dixitais e en competencias verdes, mediante sesións online e webinarios, entre outros. Desas persoas, algo máis dun 51% obtivo un emprego por conta allea e un 7,5% comenzou una formación regrada.