A Xunta e a OEI analizan as potencialidades e riscos da IA na educación

martes, 21 de maio do 2024 S. P.

Esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inauguraba o Seminario Transformación dixital e Intelixencia Artificial na educación, organizado pola Xunta de Galicia co apoio da Organización de Estados Iberoamericanos para a educación, a ciencia e a cultura (OEI). Encamiñado a profesores de Secundaria de todas as especialidades, este encontro céntrase nos desafíos educativos aos que se enfrontan docentes e alumnado na actualidade, para o que é preciso “realizar un traballo de reflexión e análise para que comprendamos a repercusión da Intelixencia Artificial, entendéndoa como unha ferramenta fundamental na innovación educativa”, engadiu o representante da Xunta.
Román Rodríguez estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e fixo fincapé na importancia desta integración paseniña a través das formacións docentes, xa que a “función última da educación é asegurar que o alumnado se integre positivamente na sociedade e participe activamente nela, onde as novas tecnoloxías teñen un papel fundamental e, polo tanto, tamén deben telo nos centros educativos”.
Neste senso, segundo o titular de Educación, “xa traballa o Goberno galego a través do programa de Polos Creativos, do proxecto EdugalIA, da acreditación de Competencia Dixital de alumnado e profesorado ou da implantación este curso das novas materias de Intelixencia Artificial para a sociedade en 4º da ESO e Tecnoloxías intelixentes en 1º de Bacharelato”.
Indo ao encontro en cuestión, dicir que participarán 14 expertos en investigacións sobre Intelixencia Artificial e a transformación dixital, a Consellería de Educación e a OEI buscando crear diálogos entre diferentes perfís investigadores e docentes de toda España con experiencia iberoamericana para adquirir novas ideas de aplicación nas respectivas comunidades autónomas. O Seminario poderá seguirse de maneira online a través da canle de YouTube de Educación da Xunta.
Os e as asistentes coñeceron na mesa redonda Unha IA para todos ou todos para unha sola IA? IA, inclusión e o papel da tecnoloxía na aprendizaxe, a opinión nesta materia da profesora de deseño dixital da Universidade Alfonso X, Clara Cordero; da investigadora do CiTIUS e profesora da Universidade de Santiago, Eva Cernadas; da coordinadora educativa en Escuela 21, Vanessa Lusa, e da enxeñeira Superior de Telecomunicacións, Beatriz Arias.
A responsábel da liña de Matemáticas e Computación en EduCaixa, Marta García; o coordinador do máster de Liderado e Innovación Educativa da Universidade Ramón Llull, Miguel Ángel Prats; o catedrático e investigador en IA na Universidade da Coruña, Francisco Bellas; o investigador do Innovation Hub, Juan Freire, e o investigador do CiTIUS, Alejandro Catalá, falan sobre Non todo é IA: como saber se unha tecnoloxía serve na miña clase.
Pola súa banda, o catedrático da Universidade de Santiago na área de Ciencia da Computación e IA no CiTIUS, Alberto José Bugarín, exporá o seu parecer na conferencia De que falamos cando falamos de Intelixencia Artificial responsable?. O seminario rematará coa mesa de diálogo Que significa ser docente na era da IA? da man do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, Toni Hernández; o profesor da Universidade Alfonso X, Vicent Gadea, e os docentes en Intelixencia Artificial, Josefa Paulos e Óscar Manuel Rey.
O dito seminario educativo chegará ao seu fin o martes, 28 de maio, en horario de 16 a 19 horas de maneira online coa conferencia IA e ferramentas dixitais para ambientes innovadores de aprendizaxe, impartido polo docente de Matemáticas Álvaro Molina. Os e as asistentes poderán coñecer claves sobre a aprendizaxe automática na aula, metodoloxías activas, consideracións éticas e avaliacións con IA.