A Xunta e a RAG propoñen cambiar 2.532 topónimos no nomenclátor de Galicia
venres, 18 de xullo do 2025
A Xunta e a Real Academia Galega propoñen cambiar 2.532 denominacións de concellos, parroquias e lugares no Nomenclátor de Galicia, o rexistro oficial dos nomes das entidades de poboación da Comunidade. Así se deu a coñecer este 18 de xullo no pleno da Comisión de Toponimia, presidido polo conselleiro de Cultura, José López Campos, onde destacou “a necesidade de actualizar este documento, un labor imprescindible para non perder a nosa riqueza toponímica, e que nos comprometemos a revisar cunha maior periodicidade”. Pola súa banda, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, dixo que con esta revisión dáse un paso máis na normalización da toponimia galega: “Os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da Academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona”, explicou.
O presidente da Academia lembrou ademais que, segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e que lle corresponde á Xunta de Galicia a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG.
4.398 topónimos estudados
Na xornada avaliáronse as conclusións derivadas de actualizar o traballo feito no ano 2003. En total estudáronse 4.398 topónimos ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares, sinalou López Campos antes de precisar que os cambios afectan aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.
Así mesmo, o representante do Goberno galego agradeceu a implicación da Real Academia Galega e a implicación cidadá para recuperar a través da Rede preto de 90.000 microtopónimos e “salvagardar a identidade que nos define como pobo e difundir a relevancia de conservar a denominación dos nosos lugares como parte fundamental do que somos como galegos e galegas”. Neste senso, precisou que o traballo feito pola Comisión permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto a último documento elaborado en 2003, acadando así un total de 42.909 rexistros.
Unha vez completado este traballo, López Campos amosou o compromiso da Xunta de Galicia para iniciar os trámites para elaborar un documento que recolla tamén os nomes relacionados cos mares, océanos e costas de Galicia “necesario pola gran vinculación da nosa terra e as nosas xentes co mar, e que cobra máis sentido aínda despois do traspaso á Comunidade da xestión do litoral”, especificou.
Incremento nos nomes de lugar rexistrados
O informe incrementa substancialmente o número de topónimos rexistrados, que pasan de 41.409 a 42.909 entre nomes de concellos, parroquias e lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría, máis de 1.100, son nomes de aldeas non contempladas polo INE por teren moi poucos habitantes, pero que se incorporan á listaxe grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran coa plataforma Galicia Nomeada, o proxecto tecnolóxico da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas.
Canto aos topónimos xa incluídos no Nomenclátor aínda en vigor, ata o momento o Seminario de Onomástica revisou case 4.400 e ditou un novo ditame para 2.624. Segundo explicou a RAG, “a etimoloxía do topónimo, as atestacións escritas na documentación histórica, a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos ou o uso oral e escrito que a veciñanza fai do topónimo son algúns dos criterios lingüísticos tidos en conta polos especialistas para propoñeren unha serie de cambios que pretenden emendar os erros detectados no Nomenclátor de 2003”. Moitos deles teñen que ver coa omisión de artigo e outro grupo importante restitúe a forma dialectal propia de cada lugar.
Como dixemos, a gran maioría dos cambios corresponden a nomes de lugares ou parroquias, pero hainos que tamén atinxen nomes de concellos. Así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, o mesmo acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, mentres que Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo e A Cañiza é A Caniza.
Hai ademais uns 300 nomes que se eliminan, moitos deles tras se comprobar que en realidade non son entidades de poboación diferenciadas, senón nomes de terras ou rúas.
O proceso de traballo
Para realizar este traballo partiuse da base de datos do Nomenclátor de Galicia oficial desde 2003 e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística, coñecido como NomenINE, ademais de contar coas contribucións tecnolóxicas da sociedade, que axudaron a xeoreferenciar a microtoponimia. Durante o proceso, analizáronse tanto cuestións lingüísticas, como é a ausencia do artigo no nome oficial, chegando a estudar 4.398 topónimos, como xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou categorización poboacional, con 13.788 revisións.
Os criterios a seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo. Na revisión tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal de cada lugar e, ademais, tratouse de emendar os erros detectados no Nomenclátor do 2003, fundamentalmente no relacionado co uso dos artigos.
