A Xunta e o CPEIG achegan unha nova edición do programa Tech Kids

luns, 14 de xullo do 2025 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), pon en marcha unha nova edición do programa Tech Kids, dirixido á rapazada baixo o lema Argallando entre xeracións e fortalecendo o seu obxectivo de “poñer en práctica o seu talento dixital e a súa capacidade de resolución de problemas”. Búscase tamén capacitar á mocidade para desenvolveren competencias persoais a través dunha contorna colaborativa.
As actividades comezarán este mércores, 16 de xullo, na Aula CeMIT de Valga e desenvolveranse ata o mes de setembro a través de sesións formativas cunha duración de 7.5 horas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia. Ademais celebrarase unha sesión formativa no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura.
As persoas interesadas en participar, poderán inscribirse a través da páxina web da Rede CeMIT, onde tamén poden consultar a programación das actividades.
Contido do programa
Celebraranse a través das aulas da Rede CeMIT 11 cursos con 3 sesións formativas de 2.5 horas de duración que terán un carácter demostrativo-experimental, nas que se exporán varias aplicacións e usos dos diferentes equipamentos tecnolóxicos disruptivos dos que foron dotadas as aulas.
Durante as formacións poderán abordarse algunhas das seguintes temáticas: as sesións orientaranse tanto á xeración de ideas e invencións como ao uso das tecnoloxías disruptivas presentes nas aulas CeMIT para levalas á práctica (deseño e fabricación 3D, robótica educativa con MicroBit, programación de videoxogos, experimentos con condutividade electrónica e programación e drons.
A partir desta aprendizaxe, informaron as entidades organizadoras, “sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico interxeracional que mesture a tecnoloxía e a innovación coa cultura e a tradición (grupos de persoas de distintas idades) que sirva como instrumento para impulsar a creatividade, o uso e aproveitamento do equipamento e materiais a través de proxectos autónomos que teña como base a formación recibida”.