A Xunta e o Sergas premiados cos ComputerWorld á Modernización TIC
martes, 26 de febreiro do 2008
O Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela acolleu este martes, 26 de febreiro, o III Foro de Modernización TIC no que se deron conta das medidas informáticas, tecnolóxicas, organizativas e de seguridade precisas para garantir un adecuado nivel de interoperabilidade entre os organismos públicos cos cidadáns e se entregaron os Premios ComputerWorld á Modernización TIC, que recibiron os Servizo Galego de Saúde (galardón ao Impacto no Cidadán) e a Xunta de Galicia (galardón á Innovación na Administración).
O foro, organizado por ComputerWorld, estivo dedicado ao escenario que xorde como consecuencia da Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que marca o 2012 como o límite para a implantación da Administración electrónica no país.
Nel participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, cun relatorio no que tratou o alcance económico e social do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia.
Na súa intervención, Veiguela fixo un repaso á Sociedade da Información en Europa e destacou o peso que está a gañar o sector TIC en Galicia “grazas á dinámica creada polo Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI)”.
