A Xunta enxalza as contribucións de Kreios Space á diversificación do aeroespacial galego
mércores, 18 de decembro do 2024
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo este mércores 18 de decembro unha xuntanza cos promotores de Kreios Space. Foi nunha visita ás instalacións desta nova firma innovadora, xurdida na Business Factory Aero (o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da Civil UAVs Initiative), na Fundación CEL, en Lugo. Durante a visita, a directora destacou “a achega de Kreios Space á diversificación e á internacionalización do sector aeroespacial galego”.
Margarita Ardao coñeceu o traballo de Kreios Space da man do seu director executivo, Adrián Senar, e de parte do seu equipo, aos que felicitou pola consecución de 1,12 M€ na resolución provisional da última convocatoria do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE) do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) para as dúas propostas nas que participou en consorcio con outras empresas. Este financiamento permitiralle á startup, especializada no desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica para satélites, avanzar nas súas solucións.
Lembrou ademais que durante o seu percorrido en BFAero, tamén obtivo 1,3 millóns de euros en financiamento público da man de programas coma o NEOTEC do CDTI ou o Programa de Centros de Fabricación Avanzada do IGAPE.
Kreios Space foi seleccionada no itinerario de incubación da 4ª edición da Business Factory Aero (2022) e no itinerario de aceleración da 5ª edición cun proxecto para o desenvolvemento dun sistema de propulsión eléctrico para satélites que permite mantelos indefinidamente en órbitas moi próximas á terra (VLEO), aumentando a resolución das imaxes recollidas e reducindo os custes.
O seu obxectivo agora é chegar a Europa, América, Asia, Oriente Medio, Oceanía nun prazo de catro anos. Ademais, tal e como explicaron os promotores da firma, a súa previsión é duplicar o cadro de persoal nos vindeiros 12 meses para afrontar retos como a transformación das instalacións da súa cámara de baleiro en Vigo nun centro estratéxico para a industria satelital europea.