A Xunta escoita á comunidade educativa para mellorar o proxecto E-Dixgal

mércores, 15 de maio do 2024 Redacción

A Xunta de Galicia inicia hoxe unha rolda de contactos coa comunidade educativa para seguir mellorando o proxecto E-Dixgal cunha primeira reunión de traballo con representantes das anpas galegas, que se completará nos próximos días con xuntanzas coa Xunta Autonómica de Directores e cos coordinadores Abalar dos centros educativos.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou nesta primeira reunión co obxectivo de intercambiar opinións sobre os pasos a seguir para continuar mellorando o proxecto E-Dixgal, ao tempo que perfeccionar o modelo híbrido de aprendizaxe analóxica e dixital que está implantado en Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salienta a importancia das achegas que poidan facerse neste proceso por parte das asociacións de nais e pais, xunto coas do resto de axentes implicados, para “enriquecer” o sistema educativo galego, onde “conviven e se complementan” os recursos tradicionais cos tecnolóxicos.
Así pois, o libro dixital está artellado como ferramenta de aprendizaxe complementaria ao emprego de libros en papel e lectura, pero non os exclúe. Cómpre lembrar que a adhesión ao proxecto E-Dixgal, no que participan arredor de 600 centros educativos, é totalmente voluntaria por parte dos mesmos, que precisan do aval do Consello Escolar, onde están representadas as familias.
Judith Fernández destaca que a competencia dixital “é unha competencia clave” que figura nos currículos educativos da Unión Europea, polo que o ensino non pode “evolucionar ás costas” do contexto actual e futuro. Non obstante, desde o Goberno galego hai un “firme compromiso” de seguir avanzando na mellora da educación en diálogo permanente cos centros educativos, co profesorado e coas familias a través destas reunións de traballo.

Certificado competencia dixital

Por outra banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa tamén mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos equipos directivos dos centros educativos que van participar nas primeiras probas de competencia dixital para o alumnado galego que comezarán o próximo día 21 para alumnos de 4º de ESO en 365 centros de toda Galicia. A acreditación de competencias dixitais é un novo sistema propio e pioneiro en España habilitado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para certificar as competencias neste eido, dirixida tanto a alumnado como a profesorado.
A Consellería establece dúas vías de acreditación que son a automática ao rematar unha etapa educativa, ou ben a realización dunha proba específica para os distintos niveis, co cal a próxima semana comezarase coa proba para o nivel de ESO.
Esta iniciativa supón unha motivación para o alumnado á hora de perfeccionar as súas competencias dixitais, poñendo en valor as aprendizaxes recibidas no ámbito educativo respecto desta materia; ao tempo que se favorece a inserción do alumnado que se titule e decida incorporarse ao mercado laboral rematados os seus estudos.