A Xunta fai balance do seu servizo de asesoramento en liña para vítimas da violencia de xénero

luns, 9 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Dende que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia puxo en marcha o seu servizo xurídico en liña para mulleres e vítimas de violencia de xénero (alá por outubro do ano pasado), este organismo non deixou un só día de dar respostas áxiles e persoais a quen as solicitaba, rexistrando tralo primeiro trimestre en funcionamento, un total de 74 consultas.
Este servizo, accesible de balde a través da web Igualdade.xunta.es, ten como obxectivo salvar as reticencias que se producen en moitos casos á hora de solicitar de xeito presencial asesoramento sobre violencia de xénero, así como axilizar os trámites a seguir e mellorar a comunicación coas vítimas.
A través deste servizo, as mulleres dispoñen dunha plataforma para acceder a información e asesoramento sobre os seus dereitos (que as máis das veces descoñecen) que facilite a adopción das decisións máis axeitadas en cada momento e atalle os trámites xudiciais a seguir.
Desta maneira, o servizo xurídico online da Secretaría Xeral da Igualdade ofrece resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando a confidencialidade.
Malia que as principais usuarias deste servizo foron mulleres (un total de 58), tamén se rexistrou a consulta de 16 homes, o que demostra que é un problema que abrangue a toda a poboación e que preocupa cada vez máis á cidadanía.
Debullando os datos rexistrados neste primeiro trimestre temos que, por provincias, o maior volume de consultas procede da Coruña con 35, seguida de Pontevedra con 23, Lugo con 9 e Ourense con 4, ás que se engaden 3 doutras comunidades autónomas. Por tramos de idade, as persoas de 36 a 45 anos representan o 31 por cento das persoas usuarias, seguidas de preto polas de 26 a 35 anos. O 42 por cento das consultantes son persoas con estudos universitarios e, por temática, encabezan as entradas as relacionadas co acceso á asistencia xurídica gratuíta cun 25,6 por cento, seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar e co dereito de familia.
Segundo informan dende a entidade pública, “as consultas online poden ser complementarias ás que se realicen de xeito presencial nos 78 Centros de Información ás Mulleres, CIM, nas catro provincias galegas, garantindo tamén o anonimato e a confidencialidade da muller”.

PUBLICIDADE