A Xunta implanta o proxecto piloto da plataforma galega de mobilidade MoBT

xoves, 7 de agosto do 2025 S. P.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, visitou este 7 de agosto a estación de autobuses de Lalín para comprobar o funcionamento do proxecto piloto da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT, que, segundo fixeron saber, “permite o pago no autobús a través do teléfono móbil” e “suprime a necesidade de acudir a unha oficina bancaria, de dispoñer dunha tarxeta e de recargar no caixeiro”.
A plataforma, lembraron, está habilitada desde xullo en diversas rutas das áreas de Compostela e do Deza, que pasan polos concellos de Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Dozón, Lalín, Monterroso, O Pino, Santiago de Compostela, Silleda, Touro e Vila de Cruces, así como na Liña Conecta que une as cidades da Coruña e Lugo. Segundo anunciou o conselleiro, a previsión é ampliar xa en setembro o proxecto piloto ás áreas de Pontevedra, O Salnés e o Morrazo. A listaxe de concellos con MoBT aumentará así ata 26 ao sumar Bueu, Cangas, O Grove, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo e Vilaboa.
Ademais, en setembro esténdese tamén a solución MoBT Xente Nova, destinada ás persoas menores de 21 anos beneficiarias da Tarxeta Xente Nova, que só precisarán rexistrarse na aplicación para gozar das 60 viaxes gratuítas ao mes. “Deste xeito, a medida estará operativa para este colectivo nos 127 contratos de transporte regular de viaxeiros por estrada que conforman a rede de transporte público titularidade da Xunta”, informaron.
Segundo explicou Diego Calvo, o obxectivo é “facilitar o acceso ao transporte público mediante a incorporación de tecnoloxías avanzadas de pagamento, que permitan mellorar a experiencia do usuario, aumentar a eficiencia do sistema e fomentar o emprego do transporte público como alternativa sostible”. En base a isto, apuntou, “as persoas usuarias disporán dunha conta na nube cun moedeiro virtual asociado”. O saldo do moedeiro virtual poderase coñecer en cada momento e recargarse a través da aplicación móbil MoBT e en datas vindeiras tamén dende mobt.gal.
O conselleiro apuntou que a nova aplicación “está dispoñible xa desde xullo tanto para os dispositivos Android como para Apple, que coexistirá temporalmente coa actual Transporte Público de Galicia”. Destacou entre as novas funcionalidades, ademais de facilitar o pago mediante códigos QR, a reserva de servizos baixo demanda, a xestión do moedeiro con recarga en liña e un histórico de viaxes. Contará tamén cun buscador avanzado con todos os servizos de transporte público de Galicia para facilitar a planificación multimodal dos desprazamentos.