A Xunta impulsa a formación TIC de preto de 5.000 traballadores

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou este 12 de decembro na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector TIC organizada pola Xunta no Gaiás (Santiago), na que destacou que “trala ampliación do investimento en agosto dos convenios de colaboración que a Xunta mantén, entre outros, co Clúster TIC Galicia, o Goberno autonómico terá formado antes de que remate o ano preto de 5.000 alumnos nesta materia a través de 266 cursos, cun investimento que acada os 2 millóns de euros”.
O obxectivo, dixo, é contribuír a axustar a formación dos traballadores ás necesidades das empresas para que poidan contar cos perfís axeitados e seguir a incrementar a súa competitividade.
Tamén dixo que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos cales 117 millóns teñen como fin financiar o Plan galego de formación para o emprego, “que crece case un 13% respecto de 2023”, sinalou, adiantando detalles de dúas iniciativas innovadoras neste ámbito: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da rede de centros asociados de formación para o emprego.
“Queremos seguir innovando para adaptarnos á evolución do mercado laboral e ás novas tecnoloxías”, dixo Zeltia Lado no encontro deste martes 12 celebrado na Cidade da Cultura, destacando que grazas a estas dúas apostas, Galicia contará con instrumentos axeitados para adaptar a formación das persoas traballadoras á demandada polo mercado de traballo.