A Xunta impulsa a transformación dixital da atención a persoas con discapacidade intelectual e dano cerebral
luns, 6 de xullo do 2026
O pasado sábado a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou coa Asociación Amicos un convenio de colaboración destinado a impulsar a modernización dixital da atención a persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise e dano cerebral.
Durante a súa visita á sede da entidade, explicou que a Xunta destina 600.000 euros a este acordo para financiar a adquisición de equipamento tecnolóxico e dixital que contribúa a mellorar a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade. Grazas a este investimento, a asociación poderá incorporar solucións de robótica aplicadas ás terapias de rehabilitación e renovar as súas salas multisensoriais.
No transcurso da visita, Fabiola García tamén puido probar en primeira persoa un dos dispositivos de estimulación do centro, uns lentes de realidade virtual, nunha demostración realizada xunto cun dos usuarios.
O convenio entre a Xunta e Amicos abrangue tamén o equipamento da ampliación do fogar residencial da entidade, que presta atención permanente e especializada tanto ás persoas residentes como ás súas familias.
A conselleira puxo en valor o traballo de Amicos, que definiu como «un referente a nivel de coidados e da integración das persoas con discapacidade intelectual», e asegurou que «sempre terá o apoio da Xunta para seguir impulsando o labor que realiza desde hai máis de dúas décadas».
