A Xunta impulsa a transformación dixital do sistema sanitario
venres, 20 de setembro do 2024
Na clausura este mediodía en Santiago, da xornada divulgativa A medicina do futuro, intelixente e ¿artificial?, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, asegurou que a Xunta avoga por impulsar unha transformación dixital do sistema sanitario que conxugue o uso ético e seguro dos datos coa súa accesibilidade para favorecer a investigación.
“Queremos avanzar cara aos novos retos e adaptarnos aos escenarios organizativos, tecnolóxicos e normativos do presente e do futuro” remarcou a secretaria xeral técnica, quen avogou por aliñarse coas iniciativas europeas e por conxugar o emprego ético e seguro dos datos coa flexibilidade necesaria para facilitar o seu acceso para avanzar no eido da investigación.
Durante a xornada, especialistas dos ámbitos da saúde, da investigación e das novas tecnoloxías abordaron os cambios que experimentará a atención sanitaria nos vindeiros anos e os retos e as oportunidades que suporá a incorporación da intelixencia artificial e o big data ao eido da medicina.
Natalia Lobato precisou que é necesario “fixar un novo modelo para a transformación do ecosistema sanitario”, no que “a tecnolóxica será unha ferramenta indispensable para resolver os novos retos da Sanidade”, que derivan do incremento da demanda de atención sanitaria, do envellecemento da poboación e do aumento das enfermidades de tipo crónico.
Neste sentido, a secretaria xeral técnica lembrou os principais eixos do Plan de transformación e saúde dixital que elaborou a Xunta para o período 2023-2026, unha transformación dixital que será “intelixente, personalizada, inclusiva e que estará gobernada polo dato”.
De acordo con isto, e xunto coas melloras que suporá a inclusión destas tecnoloxías, Lobato apuntou que a Administración galega está nestes intres traballando na tramitación dunha lei que regulará o emprego da Intelixencia Artificial na comunidade. Un novo texto lexislativo que terá en consideración os riscos do seu uso e que abordará o seu uso desde diferentes perspectivas, afondando nas súas vertentes ética e social.
O médico seguirá
O presidente da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal), José Ignacio Vidal, asegurou que "non podemos renunciar nin prescindir da Intelixencia Artificial na sanidade. “Ten moitas achegas positivas, que facilitan o labor dos profesionais, permiten optimizar recursos e benefician ao usuario, que é a parte máis importante na atención sanitaria", explicou.
Vidal subliñou que é "evidente que o papel do médico se manterá" no futuro, porque "seguirán sendo necesarios o seu coñecemento científico e a experiencia na relación co paciente e co entorno". Ademais, "a IA achega maior seguridade aos usuarios e permite humanizar o tempo de relación médico-paciente, cun trato máis persoal e directo, sen a mesa do despacho polo medio".
O presidente de Ahosgal advertiu que o "desenvolvemento da IA na atención sanitaria debe realizarse dende unha óptica integradora, de colaboración público-privada, porque é importante sumar esforzos e compartir os avances acadados para poñelos a disposición dos usuarios". “Debemos superar dunha vez por todas a dicotomía entre sanidade pública e privada, porque as dúas partes somos necesarias para dispor do mellor servizo sanitario”, concluíu.
O vicepresidente de ASPE, Pedro Rico, defendeu o esforzo da sanidade privada para implantar novos proxectos tecnolóxicos baseados en IA, que permiten que a atención sanitaria "sexa máis segura e máis precisa". Non obstante, asegurou que en ningún caso suporá a substitución do médico. "A medicina é ciencia e arte, non só ciencia e datos," engadiu.
Cambiará pero non tanto
Senén Barro, investigador, profesor de IA e director do CiTIUS da USC, asegurou que a "medicina cambiará co uso da IA, pero non tanto" porque as máquinas están "anos luz dos humanos". Non obstante, ten capacidades para "ver cousas que non ve o ollo clínico e non dan puntada sen fío", en alusión á precisión que achega a cirurxía robótica.
Segundo expuxo, a IA non acabará coa función dos médicos, senón que realizará parte das tarefas rutineiras e burocráticas de forma automatizada e permitirá dispoñer de "máis tempo para realizar labores de maior valor engadido". Con todo, expresou o seu desexo de que a intelixencia artificial poida "cambiar a forma de ensinar a medicina".
Pola súa parte, Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, explicou que a IA contribuirá a "reducir o tempo de diagnóstico das enfermidades" e destacou o seu papel fundamental na realización do proxecto Xenoma Galicia, unha iniciativa "ambiciosa e moi importante", que pretende secuenciar o xenoma de 400.000 galegos. "Non sería posible sen a IA para asegurar o manexo dos datos".