A Xunta impulsa tres novos centros de fabricación avanzada con 5,6 millóns de euros

mércores, 5 de xuño do 2024 S. P.

A Xunta publicou a resolución da última convocatoria do programa de Centros de Fabricación Avanzada, que ten por obxecto impulsar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que teñen como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e máis a modernización e desenvolvemento da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade. Destinaranse 5,6M€ á posta en marcha de tres novos centros de fabricación avanzada. Serán infraestruturas abertas a pemes e persoas autónomas que terán a finalidade de achegarlles servizos aos que non poden ter acceso de xeito habitual. Nomeadamente, a produtos e sistemas avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades.
A Xunta explica que estes tres novos proxectos “facilitarán a posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada, doutro de desenvolvemento e certificación de tecnoloxías satelitais, e un centro de servizos avanzados de datos que se localizará na Cidade das TIC”. Precisamente esta última infraestrutura é un dos centros de fabricación avanzada que se activaron en Galicia con motivo da primeira convocatoria deste programa. Xunto a esta iniciativa, está tamén en marcha o centro de fabricación avanzada do Tambre, que busca prover ao sector biotecnolóxico de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común; o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, en Narón, para facilitar a realización de traballos que teñan como base o aceiro, como poden ser os buques; o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, en Vilagarcía de Arousa, que fomenta a creación de produtos, servizos e empresas de alicerce tecnolóxico na cadea de valor da industria turística galega; e planta piloto de Inleit en Curtis, para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade, que se complementa cun centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido en Caldas de Reis.