A Xunta impulsará este ano o primeiro portal estatístico centrado na economía social
luns, 12 de agosto do 2024
A Xunta impulsará este ano a visibilidade e crecemento da economía social co primeiro portal estatístico de Galicia centrado neste sector. Será en virtude do convenio asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Universidade de Santiago de Compostela e que se materializará a través do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP). O obxectivo é que o novo portal Galestat proporcione “información continua e actualizada sobre os produtores de mercado da economía social na nosa Comunidade”, sinalaron.
Segundo engadiron fontes da Xunta, esta ferramenta tamén permitirá avaliar as contribucións da economía social á consecución dos grandes obxectivos sociais e económicos pois con ela poderanse elaborar análises comparativas intertemporais, interrexionais e internacionais sobre as empresas e entidades da economía social. Dela poderán beneficiarse as administracións públicas, as empresas, as entidades de economía social, o persoal investigador e o resto da sociedade, que poderán tirar o máximo proveito dos recursos publicados na web e de todas as estatísticas recompiladas.
Para a posta en marcha, desenvolvemento e metodoloxía de Galestat mantense unha colaboración permanente con outros portais estatísticos como o Ciriec-España, Ciriecstat e o valenciano Valestat. Así, a colaboración entre a Xunta e a USC para lanzar este portal inclúe a elaboración de táboas iniciais, unha delas con datos como o número de entidades relacionadas coa economía social, tipoloxías e cifra de traballadoras e traballadores, entre outros.
Tamén se deseñarán táboas con información relacionada coa localización das entidades, entre elas cooperativas e sociedades laborais, desagregando a información por ámbito xeográfico. A maiores, realizarase un apartado con datos destas entidades por períodos temporais.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina a esta acción 10.000 euros e forma parte da comisión de seguimento mixta creada ao abeiro da colaboración coa USC, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2024.