A Xunta incentivará o emprego na xuventude a través das TIC e a sustentabilidade

venres, 31 de decembro do 2021 S. P.

A Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vai rematar o ano mobilizando recursos a prol da empregabilidade xuvenil en administracións e centros e empresas que desenvolvan a súa actividade nos eidos da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Farao a través do plan Emprega Xuventude, cos que busca a contratación dunhas 1.000 persoas desempregadas menores de 30 anos.
Os primeiros programas deste plan veñen como dixemos cunha importante vertente tecnolóxica, tanto a convocatoria Primeira experiencia profesional nas administracións públicas como o programa Investigo, cos que a Xunta aspira a que máis de 1.000 mozas e mozos logren un contrato de doce meses e xornada completa. Ambos programas fináncianse cos fondos europeos de recuperación.
Os dous programas forman parte dun plan máis amplo, o Emprega Xuventude, que o Goberno galego promoverá en 2022 con actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas e dotado cun total de 51,8 millóns de euros.
A primeira liña de traballo inclúe un orzamento de 11,2 millóns de euros para que a Administración autonómica e as súas entidades instrumentais formalicen contratos en prácticas con traballadores e traballadoras menores de 30 anos e desempregados. Trátase de “brindar aos máis novos unha primeira experiencia laboral, unha vez teñan completada a súa etapa formativa”.
Neste marco a Xunta destinará o 20% dos fondos a incentivar a incorporación a empregos verdes, como os relacionados coa agricultura, gandería e pesca; coa restauración de ecosistemas ou a implantación de modelos de explotación animal máis ecolóxicos e sustentábeis; ou as actividades de incremento da eficiencia do consumo de enerxía e materias primas. Outro 20% destinarase á liña de competencias dixitais e a porcentaxe restante a empregos en xeral. Estímase que o programa podería supor a contratación de ata 524 persoas.
No caso do segundo programa, Investigo, a Xunta aspira a xerar emprego xuvenil no eido da investigación, da tecnoloxía e da innovación. As axudas, cun orzamento de 13,1 millóns de euros, están abertas a organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos, entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro e empresas que invistan en investigación e innovación.
Priorizaranse as ocupacións referidas á sanidade, a transición ecolóxica e a economía verde, así como as relacionadas con servizos de dixitalización, análise de datos a gran escala (Big Data) e proxectos de investigación no ámbito da cultura, as áreas sociais ou as artes. Calcúlase a empregabilidade dun máximo de 585 mozas e mozos grazas a esta iniciativa.

PUBLICIDADE