A Xunta incide en Bruxelas na súa aposta polo uso da IA para casar oferta e demanda no mercado laboral

luns, 24 de xuño do 2024 Redacción

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse esta semana en Bruxelas coa xefa da Unidade para España e Malta da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Unión Europea, María Iglesia. Un encontro no que constataron que a aposta da Xunta pola flexibilización da formación para o emprego e polo uso da intelixencia artificial para casar oferta e demanda laboral coincide co que se está a potenciar no seo da Unión Europea.
Así, primeiramente, os representantes autonómicos comprobaron que a ferramenta EMi de intelixencia artificial aplicada nas 54 oficinas de emprego galegas está aliñada coas políticas que se están a preparar no marco da Rede Eures (European Employment Services). Na xuntanza, o conselleiro e o secretario xeral explicaron que xusto se vén de intensificar o perfilado competencial no marco desta ferramenta tecnolóxica co obxecto de beneficiar máis de 70.000 persoas desempregadas ata setembro de 2025 para extraer datos en tempo real e dar cobertura ás arredor de 15.000 vacantes existentes en Galicia.
Na mesma dirección de incrementar as posibilidades da cidadanía de atopar un traballo, todos coincidiron en que cómpre darlle un pulo ás microformacións dentro da formación para o emprego, por ser máis flexibles e fáciles de adaptar ás necesidades do mercado laboral. Unhas formacións de curta duración que xa se están a implementar en Galicia e que se van potenciar en Europa.
A maiores, no encontro avogaron por impulsar iniciativas innovadoras no rural co gallo de vertebrar o territorio e fixar poboación atraendo novos emprendedores e traballadores.