A Xunta inclúe os videoxogos na súa planificación estratéxica cultural

luns, 29 de xuño do 2026 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe a autorización para a sinatura dun convenio de colaboración de 42.000 euros coa Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos (Videoxogo.gal), destinado ao desenvolvemento de iniciativas de difusión, visibilidade e capacitación do sector. Trátase da primeira vez que a industria galega do videoxogo pasa a formar parte da planificación estratéxica do Goberno galego en materia de fomento das actividades culturais mediante un acordo directo.
Esta iniciativa responde ao crecemento do tecido cultural vinculado aos videoxogos e á representatividade acadada por Videoxogo.gal, que identificou esta actuación como unha prioridade no marco do diálogo mantido coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O convenio parte da consideración do videoxogo como un sector estratéxico da economía cultural e creativa galega, cun importante potencial para crear emprego cualificado, reter talento e impulsar a innovación e o coñecemento.
O acordo estrutúrase arredor de dúas liñas de actuación. A primeira céntrase na difusión e promoción do sector galego do videoxogo mediante a produción dunha serie documental composta por doce pezas audiovisuais protagonizadas por empresas, estudios, profesionais e proxectos representativos do ecosistema galego. As gravacións realizaranse en estudios, centros formativos, espazos culturais e outras localizacións vinculadas á actividade desta industria. Cada capítulo terá unha duración aproximada de entre 12 e 14 minutos e servirá para dar a coñecer as distintas profesións, actividades e ámbitos que integran o sector en Galicia. A súa difusión realizarase a través das principais redes sociais.
A segunda liña de actuación busca reforzar o tecido profesional mediante accións orientadas a mellorar as capacidades organizativas, empresariais e de proxección exterior das empresas, estudios e profesionais galegos do videoxogo. Neste ámbito ofrecerase asesoramento para identificar oportunidades de financiamento e subvencións, preparar documentación profesional, mellorar a comunicación e a presenza dixital, facilitar a participación en feiras e eventos especializados, impulsar a internacionalización, establecer contactos sectoriais e detectar necesidades formativas. Tamén se elaborarán recursos de utilidade para o conxunto do ecosistema, recompilarase información sobre as principais demandas do sector e identificaranse áreas prioritarias para orientar futuras iniciativas de apoio.
O Goberno galego destaca tamén o valor do videoxogo como ferramenta para a difusión e proxección internacional da lingua, da cultura e da identidade galegas. A través de contidos interactivos innovadores, as empresas poden desenvolver produtos culturais capaces de chegar a audiencias de todo o mundo incorporando referentes patrimoniais, históricos e lingüísticos propios.
Neste contexto, o apoio ao proxecto promovido por Videoxogo.gal durante 2026 pretende fortalecer e cohesionar o ecosistema galego do videoxogo, favorecer a creación de novas iniciativas empresariais, promover o consumo de títulos desenvolvidos en Galicia e en lingua galega e incrementar o coñecemento social sobre este sector. A actuación contribuirá tamén a reforzar a proxección pública desta industria cultural, mellorar a súa competitividade e consolidar Galicia como un territorio de referencia no ámbito dos contidos dixitais e interactivos.
Videoxogo.gal naceu en 2018 como un espazo de encontro, visibilidade e colaboración para os profesionais e empresas creadoras deste ámbito. Na actualidade reúne máis de 60 asociados e aspira a actuar como canle común de representación do sector, promovendo un ecosistema industrial diverso e estable en Galicia. A entidade participa activamente na organización de iniciativas, grupos de traballo e eventos de referencia tanto no ámbito galego como no estatal.