A Xunta incrementa nun 7,5% as prazas de formación para o profesorado, con especial fincapé nas competencias dixitais
mércores, 3 de xullo do 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan anual de formación do profesorado 2024/25, unha iniciativa a través da que a Xunta pon a disposición dos docentes un total de 132.531 prazas para reforzar e actualizar as súas competencias profesionais, un 7,5% máis ca no actual curso. Á presentación asistiron tamén os directores xerais de FP, Eugenia Pérez, e de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
O titular do departamento educativo da Xunta sinalou o papel dos docentes como “formadores das novas xeracións e encargados de preparar aos galegos para os retos do presente e do futuro”. “É fundamental poñer á vosa disposición as ferramentas necesarias para facelo con garantía de éxito nun marco de cambios constantes en metodoloxías educativas, dinámicas pedagóxica e transformacións sociais”, destacou.
O obxectivo deste plan é facilitar o traballo dos docentes, como piar do sistema educativo, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI. “Queremos avanzar nos retos presentes e futuros como a dixitalización, a innovación educativa e as novas metodoloxías e apostar por accións formativas que nos permitan reforzar valores como a inclusión, a convivencia ou o plurilingüismo”, dixo o conselleiro.
“Este novo plan contribuirá a afondar nos novos currículos e a fortalecer as competencias en aspectos tan necesarios como a atención á diversidade ou a xestión tecnolóxica, e seguir traballando por un modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos”, rematou.
A oferta do Plan xeral (o que non está dirixido especificamente a docentes de FP) está organizada en seis liñas formativas prioritarias: dixital, que supón o groso da formación (32%), didáctica (28%), innovación (15%), convivencia e inclusión (15%) e comunicación e plurilingüismo (10%). Estas liñas concrétanse en 23 itinerarios, catro máis ca no curso 2023/24, con tres niveles de desenvolvemento cada un: básico, medio e avanzado. Dentro deles, hai 400 actividades formativas que son completamente novas ou foron actualizadas.
Incorpórase un itinerario específico para o proxecto E-Dixgal, con actividades dirixidas a toda a comunidade educativa como as de manexo da plataforma para o profesorado, coordinación e dinamización para os coordinadores de centro, liderado dixital para as direccións e xornadas de achegamento ao programa para as familias.