A Xunta inicia hoxe o acendido dixital da Área Técnica de Domaio

luns, 15 de marzo do 2010 Raquel Noya

Logo da conclusión das fases I e II do Plan nacional para o apagado analóxico, que se desenvolveron entre o pasado 18 de xaneiro e o 1 de febreiro, máis de millón e medio de galegos e galegas xa ven exclusivamente a Televisión Dixital Terrestre, o que supón o 56 por cento da poboación galega, pertencente a 203 concellos.
Agora, dentro da planificación de expansión da TDT en Galicia, a Xunta procederá dende hoxe aos ceses dos emisores analóxicos denominados As Neves e Arbo o que suporá a incorporación á TDT do concellos pontevedreses de Arbo, As Neves, Salvaterra, Ponteareas e Salceda de Caselas, nos que habitan un total de 48.176 veciños e veciñas, que se poderán beneficiar as vantaxes da nova sinal de televisión.
Os vindeiros ceses analóxicos desta Área Técnica de Domaio produciranse o vindeiro día 23 de marzo, nos emisores Cañiza e Carril. Os concellos que se beneficiarán do seu paso á TDT serán os de A Cañiza, Covelo e a unha parte de Vilagarcía de Arousa, o que suporá a incorporación doutros 10.108 habitantes ao novo sistema de televisión dixital.
O seguinte cese nesta Área Técnica producirase o día 24 deste mes e afectará aos emisores Meis e Moaña, mentres que os concellos beneficiados serán os de Meis, O Grove, Cambados, Ribadumia, Portas, Barro, Moraña e, parcialmente, o de Moaña. É dicir, 45.507 habitantes máis incorporados á TDT.
Polo que se refire a Área Técnica de O Páramo, en Lugo, hai que sinalar que o vindeiro cese analóxico producirase o vindeiro 22 de marzo, nos emisores Ribeira de Piquín, Ribeira de Piquín II e Vilalba. Os concellos beneficiados serán os de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol, sendo un total de 17.999 habitantes máis incorporados ese día á TDT.
O día seguinte, 23 de marzo, producirase o cese analóxico dos emisores Becerreá, Conforto, Pontenova, Pontenova II, Vilameá, Sanpaio e Viveiro. Os novos concellos que pasarán a recibir sinal de TDT serán os de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol, aportando 34.642 habitantes.
Como resumo, a Xunta vén de anunciar que esta terceira e última fase do apagado analóxico, que comezou o pasado día 10, beneficiará a preto de 1.300.000 galegos das provincias de Lugo e Pontevedra, así como a cinco concellos de A Coruña. Esta fase finalizará o vindeiro 2 de abril
O Goberno galego, co obxectivo de dar unha resposta áxil ás posibles dúbidas que poidan xurdir entre a cidadanía afectada polo apagado analóxico, continúa co servizo de atención telefónica ao cidadán sobre a TDT, o 012, así como coa plataforma en liña que funciona as 24 horas do día en Internet: www.tdtgalicia.es.

PUBLICIDADE