A Xunta inicia os trámites para a aprobación da futura Lei galega de acoso e violencia dixital

luns, 15 de setembro do 2025 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego puxo en marcha os trámites para aprobar a futura Lei galega de acoso e violencia dixital. Segundo explicou, o Consello autorizou o proxecto de acordo de inicio e a consulta pública previa do anteproxecto.
Rueda subliñou que a finalidade desta norma é establecer medidas específicas fronte a un tipo de violencia «cada vez máis presente» a causa da expansión do uso das tecnoloxías da información e da comunicación, como internet e as redes sociais.
O titular do Executivo galego resaltou que, con esta iniciativa, Galicia será «a primeira comunidade autónoma» en dispor dunha lexislación específica nesta materia, coa que se pretende combater prácticas como o ciberacoso ou a violencia sexual ligada ao envío non consentido de mensaxes ou á difusión de contido de carácter sexual. Este tipo de violencia afecta de maneira maioritaria a menores, mulleres e persoas LGTBI.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lembrou que a Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero de 2007 xa incluía a violencia dixital contra as mulleres como unha forma de violencia de xénero. O novo texto legal, dixo, ten como obxectivos definir con claridade os conceptos de acoso e violencia dixital, fixar principios de actuación, establecer medidas de prevención, sensibilización e detección, facilitar a formación nesta materia ao persoal da Xunta e das forzas e corpos de seguridade, así como artellar mecanismos de protección e apoio ás vítimas.
Para a súa elaboración, a Xunta contou coa experiencia de entidades como a Asociación Stop Violencia de Xénero Dixital, con longa traxectoria neste ámbito.
Entre as medidas recollidas, Fabiola García destacou a creación dun servizo de borrado da pegada dixital, pensado para facilitar a eliminación de contidos en rede usados como instrumento de acoso ou violencia, co obxectivo de restaurar a reputación das vítimas. Tamén se prevé a posta en marcha dun espazo virtual onde estas poidan recibir asesoramento gratuíto e orientación sobre como reaccionar e que pasos dar fronte a novas situacións de violencia dixital.
A maiores, a norma contempla programas psicopedagóxicos dirixidos a menores e ás súas familias para abordar adiccións ás novas tecnoloxías, así como accións de prevención e sensibilización no ensino secundario e universitario. O alumnado terá á súa disposición canles telemáticas e dixitais para denunciar casos de violencia dixital.
O anteproxecto de lei entra en fase de consulta pública co fin de recoller achegas da cidadanía e das organizacións máis representativas.
Esta iniciativa súmase aos recursos xa existentes en Galicia para vítimas de violencia, que inclúen unha rede de vivendas de acollida con máis de 80 prazas, os Centros de Información á Muller que prestan servizo a 200 concellos, axudas económicas directas, atención xurídica e psicolóxica gratuíta e programas de inserción laboral.