A Xunta iniciará un diálogo co Goberno para garantir que o novo programa da Xustiza estea tamén en galego

xoves, 19 de xuño do 2025 S. P.

A Consellería de Cultura e o seu departamento Secretaría Xeral da Lingua anunciaron esta semana que van iniciar un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo sistema informática de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza esta dispoñible tamén en lingua galega.
Así llelo informaron esta semana o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Lingua, Valentín García, aos representantes da Irmandade Xurídica, cos que se reuniu para trasladarlles a súa preocupación sobre que o Goberno central habilite só en castelán a plataforma Atenea, que substitúe á anterior, Minerva. De feito, esta mesma semana publicamos en Código Cero un comunicado da Irmandade na que mostraban polo miúdo a súa inquietude acerca das novas trabas (tecnolóxicas) que as administracións están a poñer no camiño para impedir a plena inclusión do galego no ámbito xurídico.
O conselleiro afirmou que a Xunta manterá “o seu total apoio para que o galego estea presente nas aplicacións tecnolóxicas que se utilizan na Administración”. Comentou que “a intención do Ministerio de Xustiza é asinar un convenio para ceder o sistema procesual á Xunta de Galicia só en castelán e que sexa o Goberno autonómico o que asuma a implantación da lingua galega no programa”. Segundo engadiu, “trátase dun traballo técnico complexo que precisa de tempo e investimento para poder levalo a cabo e os tempos que se manexan desde o Ministerio dificultan que esa conversión ao galego poida estar resolta para o ano 2026, data prevista para a súa posta en marcha”.
durante a xuntanza, López Campos trasladou que se iniciará un proceso de diálogo cos representantes do Ministerio de Xustiza, “xa que a mellor opción técnica para que os procedementos da xustiza respecten a cooficialidade lingüística é que sexa o propio Executivo central, como impulsor da plataforma, o que se comprometa a habilitar todos os idiomas respectando e favorecendo así o uso da lingua galega”.