A Xunta investirá 200 millóns de euros ata 2026 para aplicar tecnoloxías de IA na práctica sanitaria

martes, 10 de xuño do 2025 S. P.

A Xunta anunciou esta mañá que vai investir 200 millóns de euros ata o 2026 para implementar tecnoloxías de Intelixencia Artificial na práctica sanitaria. Así o explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante o peche da xornada de mañá do IV Foro Económico Galicia –El Español titulado A Galicia que vén.
Explicou que se trata de fondos contemplados no Plan de Transformación e Saúde Dixital e que esta habilitación de ferramentas de IA no sistema sanitario permitirá axilizar e afinar diagnoses, predicir o risco de enfermidades e anticiparse, personalizar a atención e os tratamentos, monitorizar pacientes ou mellorar a xestión das citas.
Miguel Corgos puxo en valor a especialización tecnolóxica de Galicia para o desenvolvemento da Comunidade, destacando que a Comunidade conta cun “ecosistema dixital consolidado”, que medra de xeito constante e que suma xa máis de 3.100 empresas, preto de 23.000 persoas traballadoras e un volume de negocio duns 3.700 millóns de euros. Explicou que o devandito “foi posible grazas á aposta da Administración autonómica pola transformación dixital, estratexia que incluíu dúas axendas dixitais nunha década, entre 2010 e 2020, e que permitiron lograr fitos tan destacados”, explicou Corgos, “como o de ter un territorio conectado con acceso case universal aos servizos de Internet, o desenvolvemento dos servizos públicos modernos, próximos e accesibles e, tameń, ofrecer á sociedade a capacitación para acceder a estas novas contornas dixitais”.
Lembrou tamén que “Galicia foi das primeiras comunidades en atender a recomendación da UE de elaborar unha estratexia de IA e, a partir de aí, atraer a AESIA para Galicia e desenvolver e aprobar unha Lei de IA pioneira, con visión humanista, que favorece a competitividade e o progreso económico e empresarial e, ao mesmo tempo, garante os dereitos dos galegos e as galegas ante o uso da IA polas Administracións”.
O conselleiro de Facenda insistiu na necesidade de consolidar a especialización dixital de Galicia, desenvolvendo de xeito harmónico os distintos territorios que conforman Galicia. Así, A Coruña identifícase coa IA, ao acoller a sede da AESIA e pola cidade das TIC. Pola súa banda, Santiago de Compostela está ligada ao desenvolvemento da Administración e os servizos dixitais, impulsados pola Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A maiores, Lugo vincúlase aos vehículos aéreos non tripulados grazas ao Polo Aeroespacial de Galicia, situado nas Rozas; Vigo representa o despregue de redes de telecomunicacións, con iniciativas como o Laboratorio 5G; e Ourense coa a capital galega da ciberseguridade, grazas ao futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade.

Intervención de Miguel Corgos