A Xunta investirá máis de 1 millón de euros para achegar Internet vía satélite ao rural

mércores, 4 de xullo do 2012 Raquel Noya

Momento da sinatura do convenio entre AGADER e AMTEGA

Máis de 2.100 familias e empresas con domicilio na nosa Comunidade aínda non dispoñen de acceso a Internet de banda larga debido, entre outras cousas, a que viven en viven en zonas illadas, dispersas e cunha orografía complicada que impediron que a Xunta puidese achegarlle este servizo a través da tecnoloxía tradicional.
Porén, isto vai deixar de ser así coa posta en marcha da sexta liña do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia, na que se investirá máis dun millón de euros para levar a cobertura de Internet vía satélite ás devanditas zonas onde o acceso só é posible por esta canle.
Así o recolle o Diario Oficial de Galicia do 4 de xullo, no que se publica a resolución pola que se pon en marcha a última das actuacións previstas no Plan de Banda Larga da Xunta, e as axudas ás que poderán optar as familias que desexen beneficiarse deste servizo universal.
Segundo afirman dende o Executivo, “esta medida é posible grazas ao convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), que achegará o importe de 1.077.000 millóns de euros no período 2012- 2014”.
Con este investimento facilitarase a conexión a Internet ás devanditas familias e empresas con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Este programa de axudas establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación e o custo do equipamento de usuario, cunha contía máxima de 500 euros e “condicionado á permanencia no servizo durante un ano”, afirman, sempre e cando contraten un servizo de banda larga vía satélite de cando menos 2 Mbps de velocidade de baixada.
A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será de balde para as persoas usuarias, ao ser asumido pola entidade colaboradora.
As axudas tramitaranse a través das empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, as claves teñen de prazo un mes desde o día seguinte á publicación da resolución para presentar as súas solicitudes.