A Xunta investirá máis de medio millón de euros na integración de novos dispositivos médicos de monitorización

luns, 22 de setembro do 2025 Redacción

O Consello da Xunta anunciou o investimento de máis de 500.000 euros na integración de novos dispositivos médicos de monitorización na historia clínica electrónica dos pacientes. A Consellería de Sanidade contratará servizos informáticos por ese importe co fin de integrar na plataforma de teleasistencia domiciliaria todos os dispositivos vinculados ao seguimento de pacientes crónicos nos seus fogares.
Trátase de equipos para medir de forma continua e non invasiva a tensión e a frecuencia cardíaca, dispositivos de diálise peritoneal, control de hipertensión, respiradores domiciliarios, sistemas multiparamétricos, hemodiálise a domicilio, bombas de infusión e monitorización continua de glucosa. O contrato terá vixencia ata xuño de 2026 e financiarase con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia destinados á saúde dixital personalizada.
Telea, plataforma de telemonitorización do Sergas integrada na historia clínica electrónica, facilita a comunicación entre profesionais sanitarios e pacientes mediante SMS, chamadas telefónicas ou videoconsultas, evitando desprazamentos innecesarios e permitindo detectar con rapidez posibles descompensacións.
Na actualidade, a través de Telea, o Servizo Galego de Saúde atende a máis de 30.000 pacientes, boa parte deles con equipos de monitorización continua. Isto supón o envío diario de máis de 380.000 medicións e, só en 2024, a transmisión de máis de 44 millóns de variables clínicas. No que vai de 2025, a cifra xa supera os 90 millóns.
Este modelo de atención tamén contribuíu a reforzar a hospitalización a domicilio e a continuidade dos coidados, converténdose nunha canle de acceso esencial aos servizos sanitarios tanto para os doentes coma para os seus coidadores.
Na actualidade, Galicia xa integra na súa rede cinco provedores de dispositivos cardíacos conectables, dous de monitorización continua da glucosa, tres de bombas de infusión e un de equipos de hemodiálise domiciliaria, o que sitúa ao Sergas como pioneiro neste ámbito. O obxectivo agora é ampliar este modelo a máis provedores e ámbitos asistenciais mediante ferramentas tecnolóxicas específicas que permitan incorporar á historia clínica calquera dispositivo asociado aos pacientes.